19 de ago. de 2025

TUI

O benestar e empoderamento das mulleres centra o programa Feminino Plural 

 Este mércores, 20 de agosto, ás 10.30 horas, no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela, celebrarase o obradoiro “Sexualidade e saúde” 




Infogauda / Tui

 O benestar e empoderamento das mulleres centra o programa de actividades “Feminino Plural” posto en marcha polo Concello de Tui a través da concellería de Igualdade.  

 Esta nova edición está creada especificamente para as mulleres, co obxectivo de abrir espazos de encontro, autocoidado e reflexión arredor da igualdade. Deste xeito, a través dunha variada proposta de actividades, búscase visibilizar o papel das mulleres na sociedade, reforzar o seu benestar integral e favorecer o seu empoderamento persoal e colectivo.  

“Sexualidade e saúde”

 As actividades previstas desenvólvense ao longo deste mes de agosto. Así este mércores 20 ás 10.30 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela terá lugar a charla “Sexualidade e saúde” que abordará a saúde dende unha perspectiva feminista ofrecendo ás mulleres coñecemento e autonomía sobre o seu propio corpo, eliminando tabús e reivindicando a sexualidade como dereito e fonte de benestar.  

“Pedaladas para o corazón” 

 Este venres 22 continúa o programa “Pedaladas para o corazón” coa terceira sesión de fiado ao aire libre no Paseo Fluvial. É preciso inscribirse previamente no 685 211 882. Haberá unha nova sesión o venres 29.  

 A dimensión do benestar complétase con sesións de ioga, pilates e consciencia, prácticas que invitan á calma, á escoita interior e ao fortalecemento físico. A través delas, reivindícase a necesidade de que as mulleres dispoñan de espazos propios para coidar corpo e mente, rompendo cos estereotipos e coa sobrecarga de tarefas que historicamente recaen sobre elas.  

“Cafés en feminino”

 A memoria colectiva e a cultura recupéranse nos “Cafés en feminino”, que terán lugar este venres, ás 18 h na Aula da UNED. Son un espazo de conversa que inclúe encontros arredor de mulleres facendo historia, mais tamén sobre cine, música e libros. Trátase de crear un lugar de reflexión compartida, onde recoñecer a achega das mulleres ao mundo cultural e artístico e reivindicar o seu protagonismo.  

“Emprego e inserción: Falar en público”

 Outro dos eixos do programa é a autonomía laboral, traballada na actividade “Emprego e inserción: Falar en público”, que busca reforzar a confianza e a capacidade comunicativa das mulleres. A palabra convértese aquí nun acto político e nunha ferramenta para abrir camiños cara á igualdade real no ámbito profesional. Esta actividade terá lugar o próximo martes 26 ás 11 h no Espazo Sociocultural da rúa Camilo José Cela.

“Alimentación, clave no ciclo vital das mulleres”

 A importancia dos coidados reflíctese na charla “Alimentación, clave no ciclo vital das mulleres”, prevista para o mércores 27 ás 18.30 h no Mercado de San Antonio. Na mesma analizarase como a nutrición inflúe en cada etapa da vida feminina e reivindica un modelo de saúde integral que non se limite ao plano biolóxico, senón que contemple tamén os factores sociais e de xénero.  

“Igualdade e cambio climático”

 Pechando o programa deste mes de agosto o xoves 28 ás 19 h na Aula da UNED terá lugar a actividade “Igualdade e cambio climático”, que expón como a crise ambiental afecta de maneira desigual a mulleres e homes, e pon en valor o papel das mulleres como axentes clave na defensa da sustentabilidade e da xustiza climática.  

 Moi relevante será tamén o bloque de charlas sobre violencia de xénero, dirixidas a recoñecer todas as formas de violencia que sofren as mulleres, moitas veces normalizadas ou invisibilizadas. Estes encontros pretenden ofrecer ferramentas de detección, concienciación e prevención, reforzando a importancia da resposta colectiva fronte a todas as violencias machistas.  

 Con “Feminino Plural”, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero, ofrecendo ás mulleres espazos propios de coidado, formación e empoderamento, e promovendo unha sociedade máis xusta, inclusiva e sostible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario