19 de ago. de 2025

TOMIÑO

Tomiño acolle unha semana chea de cultura e música para todos os públicos 

 A programación cultural tomiñesa ofrecerá unha oferta variada e pensada para gozar en familia e coa veciñanza 

 


Infogauda / Tomiño

 Este xoves 21 de agosto, a partir das 19:30 horas, na praza Pintor Antonio Fernández, en Goián, dentro da programación de #Pequeverán, a narradora Cris de Caldas presentará a actividade familiar Precisamos un mundo mellor, máis igualitario, tamén nos contos. A través das súas “caixas máxicas”, Cris falará de princesas de pernas tortas, nenos con dereito a chorar e mulleres donas das súas decisións, convidando ao público a reflexionar sobre a igualdade e a diversidade desde a maxia das historias. 

 Pola súa banda, o venres 22 de agosto, ás 22:30 horas, na Praza do Seixo en Tomiño, dentro da programación de #Son&Serán, a Agrupación Musical de Goián, dirixida polo mestre Pedro Villarroel González, ofrecerá o seu concerto estrela do verán. Acompañados de varias persoas artistas convidadas (aínda sorpresa), brindarán unha noite chea de música e emoción que xa se converteu nun clásico das festas estivais do municipio.  

 E o sábado 23 de agosto, non perdas a Ruta 4 Goián, unha actividade cultural e histórica que nos achega á vida da Raia. Durante a ruta descubrirase que o contrabando é unha das actividades máis antigas, combinando curiosidades, historias e patrimonio local.  

 O Concello de Tomiño anima á cidadanía e visitantes a participar nestas propostas culturais, pensadas para fomentar o goce da cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario