Miles de persoas gozaron da fin de semana festiva en Tui
• A gastronomía encheu a rúa Compostela, e os Descensos o río Miño
Infogauda / Tui
Miles de persoas gozaron da fin de semana festiva en Tui. A gastronomía conquistou o sábado á noite o padal dos comensais con produtos típicos da nosa cociña con empanadas variadas, tortillas, bocadillos, e outras propostas, e onde non faltaron as sobremesas con tartas variadas, as clásicas de améndoa, mazá ou tres chocolates, filloas recheas ou bica. As asociacións culturais Aloia, de Pazos de Reis; Cristo da Agonía, de Baldráns; Banda de Gaitas Guillarei; Laxes, de Paramos; O Mosteiro, de Pexegueiro; San Roque e San Bartolomeu; San Fins, de Rebordáns; Santa Columba, de Ribadelouro; Seixos Albos, de Areas; Traxe de Tui; e Xuntanza, de Randufe, comezaron xa pola mañá cos preparativos da Festa Gastronómica coa decoración dos distintos postos, e xa ao fío das oito da tarde recibían os primeiros comensais. Ao longo da noite, coa animación das charangas tudense A Tu Rimo e Cantos Somos, foron degustándose os distintos produtos e mesmo chegaron a esgotarse moitos deles. A rúa Compostela converteuse así no escaparate da nosa gastronomía, ateigándose de persoas que non quixeron perder a décimo terceira edición desta festa.
Así rematou unha xornada festiva que tivo no río Miño outro dos puntos de interese. Moitas persoas xantaron xa ribeira de Caldelas, preparándose para a cita co piragüismo que comezaba ás 16 h. Preto de 500 persoas, nas súas piraguas, puxeron a nota de cor no río co Descenso Popular, no que os e as participantes fixeron gala de bo humor, espírito festivo e deportivo.
En Salvaterra tivo lugar a saída dúas horas despois do Descenso Internacional con máis de 500 padexeiros de 42 clubs que buscaron o triunfo nunha cita xa clásica. Unha hora investiu o tudense Iván Alonso, do Piragüismo As Torres, en completar os 14 kms de percorrido, facéndose coa vitoria absoluta da proba no seu K1, nunha regata que dominou dende o comezo.
En distintos puntos da ribeira, coma a praia de Areeiros, a Mariña, o Paseo Fluvial, e a mesma rúa Olímpicos Tudenses, onde estivo situada a liña de meta, acolleron ao público que non quixo perder esta destacada cita deportiva que acadou a súa 54 edicións. Tui viviu así unha xornada festiva con deporte, lecer e gastronomía.
A programación do verán cultural continúa este venres co XXX Festival de Bandas de Música e o venres e sábado co Rocha Folk na ribeira de Caldelas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario