30 de ago. de 2025

PONTEVEDRA

A Deputación anuncia que a vendima xa comezou na maioría dos predios de albariño e terá unha colleita sa e abundante 

 O persoal técnico de Areeiro aconsella continuar coa vixilancia nas variedades máis tardías 


Acios en bo estado sanitario
Foto: D.PO.


Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, anuncia que a vendima xa comezou ou está a punto de facelo na maioría dos predios de albariño, nos que a colleita será sa e abundante. Nas variedades máis tardías aconséllase non descoidar a vixilancia e lémbrase que despois da vendima é preciso realizar os labores destinados a protexer as vides de cara ao futuro.  

 Nesta campaña o mildio e o oídio causaron poucos danos no territorio da provincia, e foron facilmente controlados cos tratamentos aplicados. Con todo, o persoal de Areeiro recomenda que nos predios cunha elevada presenza de síntomas se valore a opción de aplicar un tratamento cúprico para reducir o nivel do inóculo na próxima vendima. No caso da botrite, os grans que presentan algunha lesión e as variedades máis tardías poden ser moi sensibles a estes patóxenos. Por iso, é necesario permanecer atentos e empregar produtos naturais, se as precipitacións producen rachos na pel da uva.  

 Coa chegada da vendima, tampouco rematan as actuacións dirixidas a controlar a flavescencia dourada nas zonas infestadas e a tratar de impedir que se estenda fóra delas. Agora están dirixidas ás plantas afectadas, que deben ser eliminadas o antes posible. Tamén é moi conveniente revisar as plantas próximas ás afectadas, porque se posúen síntomas da enfermidade eliminalas é unha boa acción preventiva. Ademais, nas viñas nas que houbo unha presenza importante de acariose pódese aplicar un tratamento con xofre despois da vendima para reducir as poboacións. Tamén se aconsella eliminar as plantas mortas polo ataque dos fungos da madeira e polos patóxenos do solo, xa que as infeccións son máis favorables coa chegada das choivas.  

 O aviso fitosanitario inclúe observacións sobre a captura de novos adultos da Ceratitis capitata, a mosca mediterránea da froita, polo que hai que eliminar os froitos afectados das árbores, así como os que caen ao solo para reducir o seu nivel de ataque de cara á próxima campaña. Ademais, advírtese de que as eirugas de Cydia pomonella, a avelaíña da mazá, comezan a agocharse para pasar o inverno nas fendas da cortiza. Por iso, pódense instalar bandas-trampa de cartón ondulado pegadas ao tronco e retiralas antes da primavera, para reducir esta poboación nociva na vindeira vendima. A información completa do aviso pódese consultar no sitio web da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario