19 de ago. de 2025

PONTEVEDRA

O DELEGADO DA XUNTA REÚNESE COS ALCALDES DA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA REFORZAR A COORDINACIÓN FRONTE AOS INCENDIOS FORESTAIS  

  Agustín Reguera destacou a prioridade absoluta de protexer ás persoas e ás vivendas ante a situación excepcional que vive Galicia  

  A Xunta despregou o maior dispositivo da súa historia, con máis de 3.000 profesionais e 32 medios aéreos, e solicita a máxima colaboración dos concellos   


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais, Manuel Francisco Gutiérrez, reuniuse hoxe cos representantes municipais da provincia

Foto: X.G.

Infogauda / Pontevedra 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, acompañado polo xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais, Manuel Francisco Gutiérrez, reuniuse hoxe cos representantes municipais da provincia para reforzar a coordinación fronte á elevada actividade incendiaria que está a rexistrar Galicia durante este mes de agosto. 

 Na xuntanza, Reguera lembrou que “estamos ante unha situación excepcional, que obriga a dar prioridade absoluta á defensa das persoas e das vivendas naqueles lugares onde os incendios están a avanzar con especial violencia”. 

 Así mesmo, o delegado lembrou que, pese a que ata agora “na provincia de Pontevedra conseguimos controlar os lumes ocasionados e non se está a vivir unha situación tan complicada como a que se vive noutras provincias, é importante manter activa a coordinación e as vías de contacto para poder facer fronte ás posibles ameazas que se presenten nas próximas semanas”.  

 Pola súa banda, o xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais explicou que desde o 1 de agosto rexistráronse 492 incendios en Galicia, uns 370 máis que no mesmo período do ano pasado. Só na xornada do domingo chegaron a declararse preto de 30 novos lumes en toda a comunidade, a maiores dos que xa estaban activos. 

 Para facer fronte a esta situación, a Xunta despregou o maior operativo da súa historia, composto por máis de 3.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aos que se suman máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 343 efectivos de brigadas municipais, 380 motobombas, 36 buldócer, 10 batracios e 32 medios aéreos, ademais de persoal da Policía Autonómica, da UME e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. 

Chamamento á colaboración dos concellos 

 Durante a reunión, a Xunta solicitou aos alcaldes que extremen a vixilancia en zonas de especial sensibilidade, como áreas de interface urbano-forestal, espazos protexidos ou lugares con elevada carga vexetal. Tamén se lles pediu que revisen o estado das faixas secundarias e que informen aos veciños da importancia de manter estes espazos libres de biomasa. 

 Así mesmo, instouse aos concellos a dispoñer dos seus medios humanos e materiais preparados para ser activados en caso de emerxencia, revisar os puntos de auga municipais e constituír as brigadas municipais previstas nos convenios, se aínda non o fixeron. 

 Finalmente, lembróuselles a importancia de dar aviso inmediato ao 085 ante calquera incendio e de seguir colaborando co operativo da Xunta, tal e como veñen facendo habitualmente. 

 Reguera subliñou que moitos dos lumes que se están producindo son claramente intencionados e que “quen pon en perigo vidas humanas e fogares atopará sempre a tolerancia cero por parte da Xunta, coa esixencia de que todo o peso da lei caia sobre eles”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario