A Deputación vai levar este sábado a Forcarei, o programa provincial +Música, cunha actuación de Francisco Castro e a Banda dos Borges
• O músico actuará ás 23:30 horas na praza do Gaiteiro, en Soutelo de Montes, no marco da súa Festa do Gaiteiro
Infogauda / Soutelo de Montes (Forcarei)
A Deputación de Pontevedra vai levar este sábado, 23 de agosto, a Forcarei, un concerto de Francisco Castro e a Banda dos Borges enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar ás 23:30 horas na praza do Gaiteiro, en Soutelo de Montes, no marco da 46ª edición da súa Festa do Gaiteiro.
Francisco Castro, escritor, editor e músico vigués, presentará no escenario de Forcarei o seu primeiro disco "Agora é o tempo", con cancións en galego da súa autoría. No plano musical viaxa entre o rock, o funkie e o pop máis vitalista, sen esquecer algunha que outra balada. A súa música caracterízase por ritmos pegadizos e letras cunha gran forza poética que reivindican a vida, pero tamén tratan de combater unha realidade que merece ser, cando menos, pensada.
O concerto de Francisco Castro e a Banda dos Borges é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario