BALONMÁN
O Guardés e ORPAGU renovan o seu patrocinio un ano máis
• O Club miñoto e a Organización de Palangreiros Guardeses renovaron o seu acordo, que se estende ao seu oitavo ano consecutivo
• A relación entre ambas entidades remóntase a 2017, despois de que o equipo gañase a Liga Loterías DHF. Un ano máis, a empresa guardesa quixo seguir formando parte dos logros do Club, que a tempada pasada selou a liga regular e certificou o seu regreso a Europa
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés e a Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU) camiñarán da man unha tempada máis. Ambas entidades asinaron a renovación do seu acordo de patrocinio na sede da empresa pesqueira, nun acto ao que asistiron o seu vicepresidente, Tolín Verde, e a súa xerente, Juana María Parada; así coma o xerente do equipo miñoto, José Manuel Silva, e o corpo técnico e xogadoras do equipo desta tempada. O presidente de ORPAGU, Joaquín Cadilla, non puido acudir debido a atoparse faenando en altamar.
Como se lembrou durante o encontro, a relación entre ambas entidades remóntase a 2017, polo que se estenderá este curso 2025/2026 por oitavo ano consecutivo. Naquel momento, a organización pesqueira sumábase con orgullo ao barco dun Guardés que acababa de gañar a Liga Loterías DHF (como se chamaba entón a Liga Guerreras Iberdrola actual), buscando apoiar economicamente ao Club que viña de levar o nome da Guarda ao máis alto.
Dende entón, o acordo foi moi positivo para ambas partes, e por iso a empresa guardesa quixo seguir apoiando ao equipo e formando parte de todos os seus logros, manifestando esta mañá os seus desexos de implicarse aínda máis no convenio. O Guardés, pola súa parte, agradeceu a axuda incondicional da entidade e declarou a súa intención de seguir trasladando a imaxe de ORPAGU alá onde vaia e asociándoa con todos os seus éxitos, destacando ademais o especial do ano que está por comezar, marcado polo seu regreso a Europa tras erguerse campión da liga regular o curso pasado.
A Organización de Palangreiros Guardeses é dende o ano 1996 un símbolo do grande peso que a actividade pesqueira ten na economía e sociedade da Guarda e do Baixo Miño, e representa hoxe en día a frota de palangre máis importante de toda Europa. Todo un emblema da identidade guardesa que o Mecalia Atlético Guardés non pasa por alto e, ao estender a súa colaboración para a tempada 2025/2026, continuará a ser unha das formas nas que o equipo aposta por tecer importantes alianzas coas empresas locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario