7 de xul. de 2025

TOMIÑO

As e os gladiadores encheron a Eurocidade Cerveira-Tomiño de deporte, igualdade e convivencia  

•  O Espazo Fortaleza de Goián viviu unha xornada única cunha nova edición da Gladiator Race Junior, que reuniu a 400 rapaces e rapazas para superar retos e compartir valores 


A cita converteuse nunha festa do deporte ao aire libre na que rapazas e rapaces das dúas beiras do Miño demostraron non só a súa forza física, senón tamén valores tan importantes como o compañeirismo, a igualdade e o respecto
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño  

 Verán, deporte e infancia e mocidade mesturáronse o pasado sábado en Tomiño para regalar unha estampa inesquecible: arredor de 400 guerreiros e guerreiras lanzáronse a conquistar a Eurocidade Cerveira-Tomiño durante unha nova edición da Gladiator Race Junior, transformando o Espazo Fortaleza, de Goián, nun auténtico escenairo de superación, diversión e convivencia.   

 A cita converteuse nunha festa do deporte ao aire libre na que rapazas e rapaces das dúas beiras do Miño demostraron non só a súa forza física, senón tamén valores tan importantes como o compañeirismo, a igualdade e o respecto, tanto nas e nos participantes individuais como nos equipos mixtos. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou a ilusión das e dos participantes, a quen “nin sequera a calor foi quen de frear as gañas destas peque-nas e pequenos gladiadores, que nos deron unha lección de enerxía, ilusión e deportividade”. A rexedora resaltou o orgullo que supón para o Concello “poder formar parte da organización dunha proba tan especial, que une o deporte coa convivencia e reforza a nosa irmandade con Cerveira!

 “A Gladiator Race Junior é moito máis que unha carreira de obstáculos, é un símbolo de cooperación transfronteiriza e de aposta pola nosa infancia e mocidade, que é o futuro desta Eurocidade”, salientou. A Gladiator Race Junior forma parte do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) da Eurocidade,  un claro exemplo de como a colaboración entre estes concellos participantes pode transformar as ideas en eventos deportivos que fomenten a actividade física e a convivencia familiar. Este ano, os nosos gla-diadores non só competiron por diversión, senón que tamén formaron parte dunha experiencia que destaca pola súa singularidade na comarca. 

 Cun percorrido cheo de retos e risas, esta proba deixou pegada no corazón das e dos competidores, nas modalidades tanto individual como en equipo, que se organizaban en Mini Kids, para nenos e nenas de 3 a 6 anos;  Kids, de 7 a 11 e a categoría Junior, na que os mozos e mozas de 12 a 20 anos participaron en equipos mixtos cun percorrido de 2’5 km e 25 obstáculos.  

 Esta actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTE-RREG VI-A POCTEP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario