Tomiño intensifica os traballos de limpeza de camiños para mellorar os espazos públicos
• Concello reforza con 3 tractores e 5 equipos manuais os traballos en camiños, sendas e xardíns municipais
• Tras a celebración dos consellos parroquiais, este ano colaboran na limpeza varias comunidades de montes, o que permite unha maior axilidade
O Concello conta actualmente con tres tractores que operan en quendas de mañá e tarde, así como con cinco equipos de traballo especializados na limpeza manual de camiños, sendas e xardíns do municipio
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
Tomiño intensifica a limpeza e mantemento dos seus espazos públicos para garantir unhas vías e contornas máis seguras e acolledoras. O Concello conta actualmente con tres tractores que operan en quendas de mañá e tarde, así como con cinco equipos de traballo especializados na limpeza manual de camiños, sendas e xardíns do municipio. Ademais, están en marcha limpezas de cunetas coa retroescavadora, asegurando unha atención integral ás infraestruturas rurais.
Unha das novidades deste ano é a colaboración con varias comunidades de montes, un compromiso froito dos consellos parroquiais celebrados recentemente e que permite responder con maior axilidade e eficacia ás demandas de limpeza e mantemento de todo o municipio.
A alcaldesa, Sandra González, sinala que “este traballo conxunto é fundamental para reforzar o compromiso coa conservación do noso entorno e para facer máis eficientes os servizos municipais. A implicación das comunidades de montes e a participación cidadá son un exemplo de como podemos avanzar xuntos”.
Pola súa banda, o concelleiro de Obras e Acción Rural, Alexandre Pérez, lembra á veciñanza a importancia de manter limpo o fronte das súas parcelas, destacando que “o coidado individual complementa e multiplica os esforzos do Concello, contribuíndo a que Tomiño sexa un municipio máis limpo, seguro e agradable para todas e todos”.
Con estas medidas, o Concello de Tomiño reafirma a súa aposta pola mellora continua da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, garantindo un espazo público ben coidado e accesible.
Ningún comentario:
Publicar un comentario