As redeiras da Guarda celebran a xornada final do proxecto Atadeiras
• Unha iniciativa que lles permitiu ás redeiras visibilizar o seu oficio, imprescindible para a pesca
Mª Jesús González/A Guarda
A Asociación de redeiras do Baixo Miño - Atalaia, da Guarda celebrou onte unha xornada de celebración para poñer fin ao proxecto Atadeiras, onde participaron arredor de trinta persoas e diversas entidades locais.
A comunidade pesqueira da Guarda puido coñecer a modernización da nave de redes e os novos elementos audiovisuais e gráficos para transmitir a traxectoria da entidade e do sector pesqueiro guardés. As redeiras, ademais, reforzaron as súas capacidades para desenvolver visitas de turismo mariñeiro, contando un relato sobre os oficios tradicionais dende a súa propia voz.
Durante a xornada, as redeiras lideraron un percorrido polos resultados do proxecto, amosando os elementos patrimoniais relacionados coa pesca artesanal, a actualización da nave de redes para un mellor aproveitamento do espazo, e a inauguración dun espazo expositivo a través do cal transmitir a visitantes os valores e a traxectoria da asociación.
A partir deste verán poderá visitarse a nave de redes, previa inscrición na súa páxina web: redeirasatalaia.es.
Atadeiras conta co financiamento do GALP Ría de Vigo – A Guarda, a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura).

Ningún comentario:
Publicar un comentario