Música e románico fusiónanse para redescubrir o patrimonio tomiñés
• O Concello volve programar para este verán este ciclo con catro concertos que converterán as igrexas románicas do municipio no seu escenario
• A primeira cita será este venres, 4 de xullo, ás 20 h, en San Vicente de Barrantes coa actuación de Beatriz Riobó, Marta Barreiro e José Manuel Barbosa
Infogauda / Tomiño
As pedras centenarias das igrexas románicas de Tomiño volverán cobrar vida este verán cunha nova edición do programa Música&Románico, unha proposta que combina o encanto do patrimonio histórico co poder evocador da música para ofrecer experiencias únicas ao público. O ciclo, impulsado polo Concello, traerá este ano catro concertos de gran nivel que converterán estes templos medievais nos escenarios perfectos para mergullarse na arte e na historia.
O punto de partida será este venres, 4 de xullo, ás 20.00 h, na igrexa de San Vicente, de Barrantes, cun concerto protagonizado por Beatriz Riobó, soprano viguesa de proxección internacional, acompañada pola organista Marta Barreiro, especialista en música antiga, e por José Manuel Barbosa Fernández, tenor e guitarrista cunha ampla traxectoria como intérprete e director coral.
O público poderá desfrutar dun percorrido musical que vai dende o canto gregoriano e as cantigas medievais ata a música sacra de Mozart e Bach, pasando polas bandas sonoras máis emotivas de Ennio Morricone. Entre o repertorio destacan pezas como Ubi caritas, a Cantiga LXXVII, de Alfonso X, o Ave Verum, de Perosi, o Panis Angelicus de Franck, a célebre Gabriel’s oboe de “A Misión” ou o inspirador You raise me up, sen esquecer o Laudate Dominum, de Mozart ou o Ave María, de Pavarotti e Benvenuti.
“Este ciclo é unha oportunidade única para mergullarse na riqueza cultural e patrimonial de Tomiño combinando historia, arquitectura e música. Un encontro co importante legado do noso concello ao son de melodías excepcionais que nos farán desfrutar dunha experiencia enriquecedora e única”, destaca a alcaldesa, Sandra González, que anima a toda a veciñanza e visitantes a participar destas citas especiais.
O programa Música&Románico continuará durante o verán co resto dos concertos nas igrexas de Santa María de Tomiño, San Salvador de Tebra e Santa María de Tebra, consolidándose como unha das apostas culturais máis singulares do municipio, que aposta por poñer en valor o seu patrimonio e facelo vibrar coa forza da música.
Ningún comentario:
Publicar un comentario