Volven as visitas aos Muíños do Folón e do Picón: un verán para descubrir O Rosal desde outra perspectiva
• A programación de verán regresa cunha variedade de actividades familiares, visitas curtas e percorridos guiados para todos os públicos
Infogauda / O Rosal
Volve un ano máis a clásica programación de visitas guiadas de verán aos emblemáticos Muíños do Folón e do Picón, que nesta edición chega cargada de propostas novas. Entre estas novidades destacan as actividades destinadas a un público familiar, nas que os máis pequenos descubrirán de forma lúdica o funcionamento destes aparellos hidráulicos, ademais da contorna natural que os rodea.
Estas visitas guiadas desenvolveranse os mércores dos meses de xullo e agosto no Museo do Cabaqueiro e nos Muíños do Folón, de forma alterna cada semana. A visita ao museo permitirá coñecer a historia que hai detrás do oficio dos telleiros do Rosal, mentres que nos muíños é onde se desenvolverán as actividades máis familiares.
Por outra banda, os xoves pola tarde, ás 19:00 h, terán lugar as visitas interpretativas de percorrido completo polos Muíños do Folón e do Picón durante os meses de xullo e agosto, ademais dos domingos 7, 14 e 21 de setembro. O traxecto consta dunha distancia de aproximadamente 3,5 km, pero cunha forte pendente e chan irregular, características que o converten nunha ruta de dificultade moderada. Estímase que a duración do itinerario guiado sexa de dúas horas.
No mes de agosto tamén se organizará unha segunda visita semanal, que será máis curta en duración e lonxitude. Neste caso, centrarase unicamente na zona do Folón, cun itinerario guiado que se calcula nuns 60 minutos e que se levará a cabo nas mañás dos domingos, ás 10:30 h.
Cabe destacar que a oficina de turismo, ubicada no muíño número 1 do Folón, estará aberta ata o próximo 21 de setembro, e que todas as visitas teñen prazas limitadas. Isto fai que sexa imprescindible a inscrición previa. Pódese reservar praza a través do correo electrónico visitasguiadas@orosal.gal ou chamando ao 618 029 916.
Ningún comentario:
Publicar un comentario