17 de xul. de 2025

BAIONA

Portos de Galicia, o concello de Baiona e a Fundación Sabadell asinan o convenio para a mellora do peirao da Doca cun investimento de 422.750 euros 

 A actuación, á que a Xunta aportará 332.750 euros, incluirá o saneamento do peirao e reforzo da estrutura coa retirada da plataforma da explanada así como o pintado cunha imaxe artística


O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; e a directora da Fundación Sabadell, Sonia Mulero, rubricaron o acordo nun acto institucional celebrado na casa consistorial de Baiona
Foto: X.G.

Infogauda / Baiona 

 Portos de Galicia, o Concello de Baiona e a Fundación Sabadell asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a mellora do peirao da Doca do municipio a través dunha actuación orzamentada en 422.750 euros. O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez; o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña; e a directora da Fundación Sabadell, Sonia Mulero, rubricaron o acordo nun acto institucional celebrado na casa consistorial de Baiona.    

 As obras serán cofinanciadas a través de Portos de Galicia e a Fundación Sabadell. O ente público aportará 332.750 euros para o saneamento da Doca e reforzo da estrutura, mentres que a entidade bancaria achegará 90.000 euros para o financiamento das obra artística. Pola súa parte, o Concello de Baiona encargarase de tramitar os permisos para a actividade e organizar e supervisar o desenvolvemento da mesma.  

 Así mesmo, será a administración local a encargada de elaborar o proxecto artístico a través dun proceso participativo e contratar a artista finalmente seleccionada. Este proxecto busca converterse nun punto de referencia cultural e turístico en Baiona, promovendo o coñecemento da tradición pesqueira e a conservación do entorno mariño.  

 Durante a súa intervención no acto de sinatura do convenio o presidente de Portos de Galicia destacou o compromiso da Xunta de Galicia coa integración entre os portos e as vilas que os acollen facendo dos espazos portuarios “non só un motor de xeración de riqueza e emprego para as persoas que desenvolven actividade directa neles, senón tamén un espazo amable con valor engadido para o resto da veciñanza”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario