20 de xuño de 2025

VIGO

Persoal de Unísono mobilízase en Vigo convocado pola CIG, contra o empeoramento progresivo das condicións laborais 

• Un grupo de persoas traballadoras desenvolveu pola mañá e pola tarde concentracións nos centros de traballo da Gran Vía e da rúa Valencia 


Persoal de Unísono, empresa do sector de centros de chamadas con sede en Vigo, mobilizouse hoxe, en horario de mañá e tarde, diante das instalacións da Gran Vía e da rúa Valencia

Foto: CIG

Infogauda / Vigo 

 Persoal de Unísono, empresa do sector de centros de chamadas con sede en Vigo, mobilizouse hoxe, en horario de mañá e tarde, diante das instalacións da Gran Vía e da rúa Valencia para rexeitar o empeoramento “progresivo e constante” das condicións laborais. Abuso na contratatación fixa-descontinua, imposibilidade de conciliación, traballo en operativas  complexas cobrando o SMI ou xornadas abusivas son algunhas das moitas problemáticas que padecen as persoas traballadoras dende hai anos. 

 As concentracións desenvolvéronse de 12:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 18: horas ao berro de “Sen parar de chamar e nós a enfermar” para chamar a atención sobre a situación que se vive dentro da compañía. “Decidimos que é o momento de pasar á acción para dicirlle á empresa que xa abonda de abusos, presións e precariedade”, sinalan dende a sección sindical da CIG en Unísono.  

 O traballo en campañas con operativas “moi complexas” cobrando o salario mínimo é posíbel porque só a empresa só recoñece a categoría de teleoperador/a. “Nin sequera somos especialistas, cando deberiamos ter recoñecida a categoría de xestores/as polas tarefas que realizamos”. O persoal vese na obriga tamén de soportar condicións abusiva, chegando a traballar oito días de maneira continuada sen que nin sequera se lle garantan os dous días de descanso semanal seguidos. Ademais, os incentivos económicos son cada vez máis escasos e imposíbeis de alcanzar. 

 “Impóñennos restricións absurdas para o uso libre das nosas horas médicas, sen nin sequera ter en conta o que implica o acompañamento de maiores ou menores ou a atención de urxencia”. E a opción de teletraballar non está dispoñíbel en todas as campañas; nalgunhas nin sequera existe, e noutras non está regulada, cando debera existir en todas. 

 As persoas traballadoras coa quenda partida ven rexeitadas sistematicamente as súas peticións de ter unha hora en vez de dúas para a comida, o que supón pasarse o día enteiro en Unísono sen posibilidade de conciliar a súa vida persoal e laboral. 

 “E nas formacións de inicio, que nalgunhas campañas duran mes e medio, a empresa dispón das nosas vidas durante todo ese tempo sen ningún tipo de remuneración, para despois ofrecernos un contrato eventual que ás veces dura tanto como a formación, ou incluso menos”. 

 Por todo isto, decidiron poñer en marcha unha campaña de mobilizacións que agardan manter no tempo até que Unísono corrixa a situación, “porque Nos últimos meses as condicións de traballo empeoraron até o punto de que a situación é insoportábel”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario