22 de xuño de 2025

TURISMO

O Camiño da Costa bate récords con preto de 36.000 peregrinos e consolídase como a ruta xacobea que máis medra, cun 20% máis no primeiro semestre do ano 

 A Xunta organizou este domingo a II Etapa Popular Camiño da Costa, esta vez no tramo de 15 quilómetros que une o mosteiro de Santa María de Oia e a Oficina de Turismo de Baiona

 O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou o ritmo de crecemento desta ruta que medra este ano un 20% con respecto ao mesmo período de 2024  

 A delegada da Xunta, Ana Ortiz, incidiu na “fermosura e beleza” da ruta e lembrou a necesidade de que se sinalice o seu paso polas rúas de Vigo “para guiar a preto de 300 peregrinos ao día”


Preto de 150 persoas partiron a primeira hora da mañá desde o mosteiro de Oia para cubrir os 15 quilómetros que discorren ata o casco urbano de Baiona, entre eles a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña

Foto: X.G.

Infogauda / Baiona 

 A II Etapa Popular Camiño da Costa, que discorreu desta vez entre os municipios de Oia e Baiona, celebrouse este domingo cun percorrido polo tramo “máis espectacular” para confirmar que a ruta consolida á cidade de Vigo dentro dos trazados xacobeos. Así o afirmaron a delegada territorial, Ana Ortiz, e o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que encabezaron a andaina polo senda litoral e destacaron que o Camiño Portugués da Costa xa foi o segundo “máis concorrido” no meses de maio do presente ano, tan só por detrás do Francés. 

 Preto de 150 persoas partiron a primeira hora da mañá desde o mosteiro de Oia para cubrir os 15 quilómetros que discorren ata o casco urbano de Baiona, entre eles a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, e o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña. Os  participantes foron trasladados en autobús desde a Delegación Territorial en Vigo ata o punto de saída para completar unha andaina que vai paralela ao mar ata pasar Cabo Silleiro e ascender a Baredo para entrar no Val Miñor polas rúas baionesas. 

 O director de Turismo de Galicia apuntou que no que vai de ano, este camiño xa foi recorrido por preto de 36.000 peregrinos, o que supón un 20% máis que no mesmo período de 2024. Ademais, salientou o peso dos peregrinos internacionais nesta ruta que supón o 87% procedentes maioritariamente de países coma Alemaña e Estados Unidos. Neste sentido, Xosé Merelles destacou a aposta da Xunta pola mellora da seguridade dos peregrinos cun proxecto no que inviste 40M€ e que inclúe actuacións en 7 quilómetros dos Camiños Portugués e Portugués da Costa. 

 Pola súa banda, Ana Ortiz destacou a beleza do trazado e destacou os datos que apuntan a un importante aumento na afluencia de peregrinos. “A iniciativa serviunos para descubrir a beleza e fermosura do Camiño da Costa, difundir o seu auxe e animar a todos os camiñantes a que realicen a ruta”, sinalou. Ademais, a delegada territorial incidiu no “rotundo éxito” da convocatoria e reclamou que “aínda está sen sinalizar o percorrido por Vigo pese a que o alcalde comprometeuse a facelo hai un ano na reunión con Alfonso Rueda”. 

 Ortiz engadiu que “o Camiño da Costa é un dos nosos grandes patrimonios culturais e económicos, porque o Camiño tamén é patrimonio de todos os vigueses, cidade pola que pasaron en 2025 unha media de 300 peregrinos ao día”. A representante autonómica tamén lembrou que os “propios hostaleiros confirman que os peregrinos paran en Vigo varios días para coñecer a cidade e a comarca”. 

Percorrido 

 O percorrido comezou no Mosteiro de Oia para dirixirse ao norte pola estrada vella, cruzar o río Vilar, e facer parada na área recreativa de Pedra Rubia. O tramo continuou pola Ermida, nas Mariñas, onde case se pode tocar a auga do mar, e ascendeu o monte para gozar das vistas panorámicas en dirección a Baredo. A entrada en Baiona foi por San Antón e Santa Liberata, onde está tamén a Colexiata de Baiona. 

 Os peregrinos finalizaron a etapa na Oficina de Turismo, xunto á praia da Ribeira.  Na iniciativa colaboraron a Federación Provincial de Comerciantes, a Federación Empresarial de Turismo e Hostalería de Pontevedra, Amigos dos Pazos, Biscuits Galicia, Vodea, Coca-Cola e Gadis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario