Música e tradición na programación do verán en Tui
• Nas propostas para os meses de xullo e agosto non faltará o humor, a gastronomía e o cinema
Infogauda / Tui
Música, cultura tradicional, humor, cinema e gastronomía centran a programación cultural para o verán organizada polo Concello de Tui. Durante os meses de xullo e agosto a cidade acollerá distintos eventos, algúns cunha longa traxectoria, que brindarán tanto a tudenses coma a visitantes unha oferta cultural de calidade, pensada para todos os públicos e en escenarios patrimoniais únicos.
O primeiro dos eventos previstos é o V Festival da Cultura Tradicional e Folk, organizado pola Asociación Cultural San Telmo. Abrirase o venres 4, ás 19.30 h, no Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela, co concerto inaugural a cargo de Fía na roca e Luís Prego. Nese lugar poderá visitarase dende o venres até o domingo a exposición “O traxe da muller aldeá” da man do grupo etnográfico Traxandaina.
O sábado 5, ás 19.30 h, a actividade trasládase á praza de San Fernando onde se vai celebrar o X Certame de Gaita e Tamboril, e a partir das 22 h terá lugar o concerto “Cantares nos camiños” con María Vidal e Xisco Feijóo.
Por último, pechando este festival, o domingo 6 ás 19.30 h no paseo da Corredoira celebrarase o X Día da Muiñeira.
O venres, 11, ás 21.30 h chega a Tui Pepo Suevos co seu espectáculo “A Xira do cuarto de século” no Espazo Sociocultural, da rúa Camilo José Cela. Tui é unha das 25 cidades nas que ofrece este espectáculo.
Serán dúas as citas co cinema no verán. Cambian de emprazamento e terán lugar na praza do Pracer. Así o sábado 12 de xullo, ás 22.30 h proxectarase “A Gardiana de dragóns”, dirixida por Salvador Simó Busom e Jianping Li. Mentres o 8 de agosto poderase ver “A elefanta do mago” de Wendy Rogers.
A décimo terceira edición do IKFEM, Festival Tui – Valença, brindará do 16 ao 20 de xullo unha programación que une tradición e vangarda a través de concertos, encontros profesionais e actividades para todos os públicos, en lugares coma a alameda de San Domingos, en Tui, ou a fortaleza de Valença. A programación completa pode consultarse na web oficial do festival, onde tamén se poden adquirir as entradas, ao igual que en Ataquilla.
Tui reivindica nesta programación o seu papel coma porta da entrada do Camiño Portugués a Galicia, e faino a través da música co concerto ilustrado “A zanfona e o Camiño de Santiago” o xoves 24 de xullo, ás 21.30 h na igrexa de San Bartolomeu, da man de Germán Díaz. E tamén co espectáculo de música e danza da man de Furia Sotelo, o venres 25, na igrexa de San Domingo.
Mentres o folclore máis internacional terá o seu escaparate no parque do Laxal, en Rebordáns, coa Noite Internacional do Miño organizada pola Noite Internacional. Este evento pechará a programación do mes de xullo.
Agosto abrirase coa décimo novena edición de Música no Claustro. Festival de Música, Patrimonio e Creación que volverá brindar do venres 1 ao xoves 7 concertos no claustro catedralicio.
O sábado, 16 de agosto, celebrarase a XIII Festa Gastronómica na rúa Compostela, e o venres 22 será a quenda do XXX Festival da Bandas de Música. E pechando esta programación a ribeira de Caldelas acollerá o venres 22 e o sábado 23 de agosto, o V Rocha Folk.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinala que a programación de verán “é un bo exemplo da diversidade e riqueza cultural de Tui” que reflicte “o compromiso coa tradición, , e innovación”.
Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destaca: “Este é un verán pensado para vivir a rúa, para compartir…, coñecendo a ampla riqueza cultural que atesouramos en Tui”. Sonsoles Vicente, amosa tamén o agradecemento ás asociacións culturais, artistas e entidades que fan posible esta programación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario