27 de xuño de 2025

TOMIÑO

Máis de 300 persoas inscritas na Glatiator Race Junior Eurocidade Cerveira-Tomiño 2025  

 A carreira de obstáculos máis agardada regresa o 5 de xullo ao Espazo Fortaleza, de Goián. Inscricións abertas ata o 3 de xullo 

 Trátase dun evento deportivo para infancia e mocidade ao abeiro do Orzamento Participativo Transfronteirizo 


A alcaldesa de Tomiño e o presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, na presentación da Gladiator Race Junior Eurocidade Cerveira-Tomiño 2025
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 Comezou a conta atrás para a Gladiator Race Junior Eurocidade Cerveira-Tomiño 2025. Máis de 300 guerreiros e guerreiras xa se inscribiron para participar este 5 de xullo nesta emocionante carreira de obstáculos deseñada para a infancia e mocidade cerveirense e tomiñesa e organizada ao abeiro do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT), co que se busca dinamizar máis alá das fronteiras actividades deportivas e de lecer baseadas nos xogos tradicionais pero tamén nos deportes máis actuais. 

 O Espazo Fortaleza, de Goián acollerá tres probas totalmente de balde adaptadas a diferentes idades. Así, ás 10.30 h os máis pequenos e pequenas (3 a 6 anos) poderán participar na categoría Mini Kids, que contará cun percorrido de 500 metros e 12 obstáculos nos que estarán acompañados por unha persoa adulta que poida axudar a superar as probas. A rapazada de 7 a 11 anos en-frontarase a partir das 11.00 h a un circuíto de 1 km e 16 obstáculos na categoría Kids. Mentres, pola súa banda, os mozos e mozas de 12 a 20 anos forma-rán equipos mixtos de entre 5 e 7 integrantes para participar na categoría Junior, que comezará ás 11.30 h e contará cun percorrido de 2,5 km e 25 obstáculos.  

 Aínda quedan prazas dispoñibles para participar nesta xornada transfronteiriza de diversión e deporte ao aire libre para gozar en familia ou en compañía de amizades. As persoas interesadas en participar poden facer ata o 3 de xullo as súas inscricións a través da web oficial da Gladiator Race.   

 Esta actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTE-RREG VI-A POCTEP.

Ningún comentario:

Publicar un comentario