SOS Tomiño Baixo Miño prestou axuda alimentaria a unha media de 125 familias da comarca en 2024
• Distribuíu máis de 86.900 quilos de alimentos procedentes de campañas solidarias, doazóns de empresas, centros educativos e achegas particulares
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
A Asociación Asistencial SOS Tomiño Baixo Miño continúa o seu incansable labor social no territorio, prestando apoio alimentario a unha media mensual de 125,82 familias nos concellos de Tomiño, Tui, O Rosal e Oia. No caso concreto de Tomiño, foron unha media de 24,27 familias mensuais as que recibiron apoio durante o ano 2024.
Con máis de 16 anos de traxectoria, a entidade distribuíu en 2024 máis de 86.900 kg de alimentos, procedentes de campañas solidarias, doazóns de empresas, centros educativos e achegas particulares.
Este pasado fin de semana tivo lugar a tradicional comida solidaria da asociación, un emotivo encontro no que participaron máis de 200 persoas, incluído o presidente da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo. Durante a xornada, recoñeceuse publicamente o labor das persoas voluntarias e de todas as entidades colaboradoras que fan posible o traballo da asociación ao longo de todo o ano.
A colaboración da comunidade é fundamental en todo este labor, e maniféstase a través da implicación de centros educativos, empresas, negocios locais, particulares, e tamén grazas ao apoio institucional dos concellos implicados, que contribúen de forma activa a soster a estrutura loxística e social da asociación. Un exemplo do compromiso colectivo é a “Árbore dos Desexos”, unha iniciativa de Nadal que leva agasallos a nenos e nenas de familias con escasos recursos, grazas á solidariedade da veciñanza.
“Dende o Concello de Tomiño, queremos expresar o noso recoñecemento e agradecemento público á Asociación SOS Tomiño Baixo Miño polo seu traballo incansable e pola súa entrega diaria ao servizo das persoas en situación de vulnerabilidade”, dixo a este xornal dixital transfronteirizo Rubén García Filgueiras, concelleiro de Benestar social e deportes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario