21 de xuño de 2025

TOMIÑO

O renovado pavillón da Carballa convértese en referente deportivo e educativo en Tomiño  

•  A reforma integral do espazo, xa rematada e cun investimento de preto de 400.000€, mellorou a eficiencia enerxética e a seguridade de usuarios e usuarias  


A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o concelleiro de Deportes, Rubén García, no pavillón da Carballa
Foto: C.T.

Infogauda / Tomiño

 O pavillón da Carballa dá un gran salto de calidade para converterse en referente deportivo e educativo de Tomiño. Tras unha profunda reforma integral, o Concello estrea unhas instalacións modernas adaptadas ás necesidades actuais dun pavillón empregado por centos de estudantes e deportistas, uns traballos de reforma que permitiron mellorar a súa funcionalidade e optimizar a súa eficiencia enerxética ofrecendo unha contorna máis sostible, cómoda e confortable para usuarios e usuarias. 

 A actuación, cun investimento de arredor de 400.000 euros, transformou por completo este espazo clave para o municipio. Os traballos incluíron a renovación do pavimento por un solo área elástico de madeira de faia, deseñado para a práctica deportiva, e a instalación de luminarias de baixo consumo e un marcador electrónico de última xeración. A renovación da cuberta permitiu solucionar de maneira definitiva os problemas de filtración e mellorar o illamento térmico do pavillón, alongando a súa vida útil e contribuíndo ao aforro enerxético. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, amosouse satisfeita co resultado dunha obra longamente demandada pola comunidade educativa e deportiva do municipio. “Este proxecto reflicte o noso firme compromiso coa mellora das infraestruturas municipais e a prioridade que damos ao benestar das persoas. A reforma do pavillón da Carballa era unha demanda constante e hoxe xa temos a disposición de usuarios e usuarias un espazo completamente renovado e máis seguro”, recalcou. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Rubén García, destacou a importancia desta infraestrutura para a actividade deportiva e educativa do concello, xa que “a modernización do pavillón supón un antes e un despois para Tomiño. Gañamos en calidade, en eficiencia e en confort para todas e todos. É unha aposta clara por un deporte e unha educación de base en espazos seguros e adaptados aos tempos”. 

 A alcaldesa agradeceu ao IES Antón Alonso Ríos e a toda a comunidade educativa e deportiva a súa colaboración e comprensión durante as obras e reafirmou que esta intervención “consolida ao pavillón da Carballa como un espazo de referencia, preparado para responder ás demandas deportivas e educativas de todas e todos”. 

 Para facer posible esta importante reforma, o Concello captou fondos da Deputación de Pontevedra para cofinanciar as obras. Coa finalización destes traballos, Tomiño dá un paso máis no fortalecemento dos seus servizos e infraestruturas, reafirmando a importancia de investir no futuro e no benestar da súa veciñanza. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario