23 de xuño de 2025

O ROSAL

O Rosal impulsa a creación de comunidades enerxéticas locais da man das traídas de auga veciñais 

•  Concello e Oficina de Enerxía mantiveron un encontro coas traídas para abrir un camiño colaborativo cara a un modelo máis sostible, eficiente e participativo no rural

  

Concello e persoal técnico da Oficina da Enerxía mantiveron un encontro coas directivas das traídas veciñais de auga
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O futuro da enerxía limpa no rural do Rosal continúa con paso firme. Concello e persoal técnico da Oficina da Enerxía mantiveron un encontro coas directivas das traídas veciñais de auga, unha reunión marcada polo grande interese e compromiso social na que se analizou o potencial das comunidades enerxéticas locais rurais como ferramenta clave para avanzar cara á sustentabilidade e á autoxestión dende a propia veciñanza. 

 As traídas de auga, que levan anos sendo exemplo de xestión colectiva dun recurso fundamental como é a auga, demostraron estar preparadas para asumir un novo reto: o de converterse en protagonistas tamén da revolución enerxética nas parroquias. A súa experiencia como consumidoras e xestoras de recursos de primeira necesidade convérteas en aliadas estratéxicas para este proceso. 

 "Neste encontro subimos un novo chanzo nun novo modelo de xestión no que a enerxía tamén sexa un ben comunitario e sostible. As traídas de auga son un exemplo de organización, compromiso e coñecemento do territorio, e agora poden ser tamén exemplo de como avanzar cara á autosuficiencia enerxética", salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Este primeiro paso dá inicio a un período de traballo nos barrios e parroquias, onde cada traída compartirá nas súas asembleas a información tratada, coa vista posta en constituír pequenos grupos que permitan poñer en marcha comunidades enerxéticas locais, capaces de abastecer tanto aos usuarios das traídas como aos propios sistemas de subministro. O obxectivo é camiñar cara ao aforro, a autoxestión, as enerxías limpas e o fortalecemento do tecido comunitario no rural. 

 As actividades da Oficina da Enerxía están cofinanciadas con fondos da Unión Europea – NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario