13 de xuño de 2025

O ROSAL

O Rosal reforza os servizos municipais cunha nova carretilla elevadora multifuncional  

 Con esta maquinaria o Concello poderá optimizar recursos na almacenaxe e carga e descarga de material municipal  

 

A nova carretilla, con mastro recollido de 2 metros e despregado de 4 metros, conta con elevación libre ata 1,20 metros, e tracción 4x4 permanente, o que lle permite operar en distintos tipos de terreo e condicións

Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal  

 O Concello do Rosal vén de incorporar unha nova carretilla elevadora de mastro curto que permitirá mellorar a xestión de materiais, reducir tempos e necesidades de persoal e facilitar tarefas en múltiples puntos do municipio. Unha aposta clara pola modernización do servizo público e pola eficiencia na xestión diaria. 

 “Temos un compromiso claro co reforzo dos servizos municipais e a atención á veciñanza, e iso tamén pasa por dotar ao noso equipo das ferramentas axeitadas”, asegura a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís. “Esta adquisición permítenos gañar en seguridade, eficiencia e operatividade, tanto no día a día como nos eventos e actividades que organizamos ao longo do ano”, recalca. 

 A nova carretilla, con mastro recollido de 2 metros e despregado de 4 metros, conta con elevación libre ata 1,20 metros, e tracción 4x4 permanente, o que lle permite operar en distintos tipos de terreo e condicións. Ademais, está matriculada, polo que pode circular polas vías do municipio, sendo así unha ferramenta versátil trasladar material a calquera punto do Rosal. 

 “Con esta carretilla non só melloramos os traballos de almacenaxe, senón tamén a montaxe e loxística de eventos, obras e actividades municipais”, sinala o concelleiro de Vías e Obras, Germán Fernández. O edil lembra que “agora podemos paletizar e aproveitar toda a altura do almacén nos baixos do Centro Social Polivalente e mellorar a almacenaxe na nave do Obradoiro da Mata, gañando espazo e orde, ao tempo que reducimos o esforzo humano necesario nas cargas e descargas”. 

 A adquisición da carretilla responde á liña estratéxica do goberno municipal para modernizar a maquinaria e infraestruturas municipais, ofrecendo un servizo máis eficiente, sustentable e adaptado ás necesidades reais do Concello e da súa veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario