“Non máis explotación, hostalaría solución!”
• Persoal do sector na provincia de Pontevedra mobilizouse hoxe en Vigo e Pontevedra convocado pola CIG para reclamar un convenio colectivo digno
Persoal da hostalaría da provincia de Pontevedra mobilizouse hoxe en Vigo e Pontevedra convocado pola CIG-Servizos para reclamar un convenio colectivo digno no sector tras dous anos sen suba salarial
Foto: CIG
Infogauda / Pontevedra / Vigo
Persoal da hostalaría da provincia de Pontevedra mobilizouse hoxe en Vigo e Pontevedra convocado pola CIG-Servizos para reclamar un convenio colectivo digno no sector tras dous anos sen suba salarial. As concentracións desenvolvéronse diante do Hotel Galicia Palace na cidade do Lérez e do NH en Vigo pouco antes do mediodía ao berro de “Non máis explotación, hostalaría solución” e “Se sube o IPC, os salarios tamén”.
Dende a central sindical denuncian que o convenio provincial de hostalaría leva catro anos caducado e o persoal leva dous anos sen incremento salarial, “e aínda por riba agora o empresariado suspende no mesmo día as reunións previamente acordadas por todos os membros da mesa”. Polo que consideran esta actitude da patronal unha falta de respecto ás persoas traballadoras do sector (camareiros/as, cociñeiros/as, recepcionistas, camareiras/os de piso, etc).
Diante disto, e tendo en conta que as previsións de ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra baterán récords novamente, na CIG entenden que xa é hora de que o persoal do sector deixe de ser “ignorado” e de que as empresas recoñezan o seu traballo. “Isto pasa por mudar moitas cuestións que aínda non están recollidas no convenio, como a redución do tempo de traballo; dous días descanso consecutivos para todo o persoal independentemente da xornada; licenzas que permitan conciliar a vida laboral e familiar; e unha actualización salarial que permita recuperar poder adquisitivo ante a suba de prezos xeneralizada”.
Ademais, dende a CIG-Servizos censuran as pretensións da patronal de introducir no convenio colectivo un novo contrato fixo descontinuo a tempo parcial, “o que suporía aumentar aínda máis a parcialidade nun sector moi precarizado”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario