17 de xuño de 2025

ECONOMÍA

A FGAMT-CIG mobilizarase contra a “estafa” da suba salarial no sector de elaborados do mar 

  A patronal e os sindicatos estatais asinaron un acordo de mínimos para intentar desactivar as protestas ante a próxima celebración de Conxemar 


Imaxe de arquivo dunha mobilización precedente
Foto: CIG

Infogauda / Vigo  

 A FGAMT-CIG anunciou hoxe a celebración de asembleas de delegados/as do sector de elaborados de produtos do mar para decidir a convocatoria de mobilización contra a “estafa” da suba salarial pactada pola patronal e os sindicatos estatais. Dende a central denuncian que este acordo de mínimos é un intento de desactivar as protestas por un convenio digno ante a próxima celebración da feira Conxemar en Vigo. 

 A xuntanza da comisión negociadora do convenio que tivo lugar onte nas instalacións do SIMA en Madrid fora convocada tras a presión exercida pola CIG, que anunciara mobilizacións “máis contundentes” no caso de que a patronal insistise en manter suspendidas as conversas. “Pois ben, o encontro rematou cun acto vandálico das organizacións sindicais estatais ao acceder á pretensión do empresariado de asinar un incremento salarial do 4% para 2025%, que se aplicará nas nóminas cando queira que se publique no BOE”. 

 A representación da central sindical negouse a asinar o acordo tendo en conta que “negociar un convenio colectivo non pasa só por incrementar o salario para un ano e, ademais, sen saber cando se fará efectivo”. A CIG solicitou que se incluíra tanto a creación da terceira paga extra como a subida automática do grupo 2 ao grupo 3, “pero tanto a patronal como os seus cómplices negáronse a falalo”. 

 Outro dos motivos que levaron a central a non asinar ten que ver con que a ratificación do acordo é a conta de pospoñer até o mes de outubro o inicio da negociación das restantes cuestións do convenio: permisos, xornada, complementos, incrementos salariais para o resto dos anos de vixencia, etc. 

 Por iso entenden que a sinatura do acordo é un acto de “submisión” das organizacións estatais, que aceptan a proposta para intentar evitar que a CIG convoque novas concentracións coincidindo coa feira Conxemar en Vigo. “Mais o que non teñen en conta é que este acordo patético non vai lograr que deixemos de esixir na feira -e onde decidamos conxuntamente coa nosa representación sindical- unha negociación real do convenio en todas aquelas cuestións que foron formuladas na mesa de negociación e que son absolutamente necesarias para mellorar os lexítimos dereitos das persoas traballadoras afectadas por este convenio”. 

 En consecuencia, anuncian que nos vindeiros días convocarán os delegados e delegadas da CIG no sector para decidir as datas das mobilizacións “contra esta tomadura de pelo da patronal e das organizacións sindicais estatais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario