BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés comeza a loita polo título ligueiro en Valladolid
• Visita este mércores ao Caja Rural Aula Valladolid (21:00 horas) para o partido de ida de cuartos de final polo título de Liga, que se emitirá en directo por Teledeporte
• Agás Elena Martínez, viaxarán tódalas xogadoras
• A volta xogarase este sábado 10 de maio, ás 19.00 horas, no Pavillón Municipal A Sangriña
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés afronta o primeiro chanzo do camiño ata o título ligueiro 2024/2025. Este mércores 7 de maio ás 21.00 horas, as de Ana Seabra visitarán ao Caja Rural Aula Valladolid, oitavo clasificado na fase regular, para disputar o partido de ida de cuartos de final da eliminatoria da Liga Guerreras Iberdrola, que será emitido en directo por Teledeporte. Viaxará o equipo ao completo, a excepción de Elena Martínez, e sen reforzo de xogadoras xuvenís. Dada a súa condición de líder, o Mecalia Atlético Guardés xogará a volta dos cuartos como anfitrión, este sábado 10 de maio ás 19.00 horas na Sangriña.
O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro buscando a súa mellor versión. O equipo finalizou a liga regular o pasado sábado en Navarra, caendo pola mínima (23- 22) na pista do Beti-Onak. Malia o axustado do resultado, o balance xeral do partido non foi tan positivo para as de Ana Cristina Teixdeira Seabra, que deberon facer un esforzo maiúsculo na segunda parte para remontar unha desvantaxe de sete goles ao descanso, tras un comezo con moitos erros. As perdas de balón, máis de 20 en todo o encontro, foron un dato preocupante para o conxunto de A Guarda, e as responsables de que finalmente non puideran pechar o marcador por diante. Porén, o partido tamén foi unha boa ocasión para recuperar sensacións en equipo, e o retorno ás pistas de Cecilia Cacheda na segunda metade, foi en grande medida a causa dun mellor funcionamento e coordinación da primeira liña.
Así, a volta dunha xogadora de peso e a mentalidade de loita e remontada mesmo sen nada en xogo son as mensaxes que callaron no Mecalia Atlético Guardés de cara a esta eliminatoria polo título. Polo demais, o equipo pasou estes dous días baleiros dun calendario ateigado de viaxes e partidos tratando de aprender dos erros da súa última cita, de mellorar a confianza no ataque e de prever tódalas posibilidades. Será importante tamén que, unha semana máis, a adestradora Seabra poida contar con tódolos seus efectivos, a excepción de Elena Martínez, quen xa se atopa nas etapas finais da súa recuperación de ligamento cruzado e meniscos, aínda que é pouco probable que se reincorpore antes de que remate a tempada. Con (case) todo o cadro de persoal principal dispoñible, non se contará tampouco con xogadoras de base para reforzar a convocatoria.
Coas pilas cargadas e a disposición de afrontar a hora da verdade, o Mecalia Atlético Guardés visitará a un Caja Rural Aula Valladolid, emparellado co líder tras clasificarse oitavo na fase regular, e que tamén ten os seus deberes feitos e ganas de dar a sorpresa. O equipo dirixido por Salva Puig chega a eliminatoria cun historial de 11 vitorias, dous empates e 13 derrotas, abondo para quedar coa oitava praza sen que o Beti-Onak, noveno, puidera disputarlla, pero tamén insuficientes para alcanzar a un Rocasa Gran Canaria que se ergue sétimo con seis puntos máis, e medirase ao Málaga neste primeiro envite.
O conxunto branquiazul xa sabe o que é vencer ao Mecalia Atlético Guardés na fase final ligueira, pois foi precisamente quen lle arrebatou a quinta praza na eliminatoria da pasada tempada. Ademais, tamén fixo sufrir ás de Seabra hai pouco máis dun mes na vixésimo primeira xornada ligueira, que se saldou cunha vitoria local na Sangriña pero non sen unha necesaria remontada fronte ao Valladolid crecido na primeira parte (9-13 ao descanso), e cun 26-23 final.
Este mércores o conxunto valisoletano tratará de facer o propio e buscará para iso tirar de afección e encher Huerta del Rey, xa que cabe lembrar que nesta eliminatoria a dobre volta contan os goles e non as vitorias, polo que unha ida forte podería ser a súa salvación. Con todo, a condición de líder do Mecalia Atlético Guardés outorgoulle no seu momento a vantaxe de pechar cada duelo como anfitrión, de modo que O Inferno terá a derradeira palabra nestes cuartos de final, este sábado ás 19.00 horas. A confianza no impecable traballo de todo un ano e a concentración sobre a pista serán vitais para que as da Guarda superen este chanzo inicial e poidan seguir avanzando cara ao soño ligueiro.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Queremos estar o máis concentradas posible durante os 60 minutos”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, coincide na necesidade de centrarse no traballo propio e afrontar este primeiro partido con seguridade. “É un partido no que queremos estar o máis concentradas posible durante os 60 minutos”, indica a técnica, que advirte de que “sabemos que é importante conseguir un bo resultado, e un bo resultado significa, para nós, gañar”. É dicir, aínda que o paso á semifinal decidirase polo número de goles, para a preparadora do Mecalia Atlético Guardés non hai marxe de erro, e por tanto non se conformará con caer na ida cunha diferenza mínima, senón que o obxectivo será entrar na eliminatoria pisando forte.
O derradeiro encontro da fase regular deixou ver a un equipo algo inusual, que cometeu máis erros do habitual e ao que semellaron poder os nervios e os riscos excesivos ante un rival difícil. Seabra indica que “a misión de facelo ben ten que ser o obxectivo principal de tódalas xogadoras”, chamando á necesidade de que o equipo actúe de xeito perfectamente coordinado sobre o 40x20. Soamente así o Mecalia Atlético Guardés poderá encamiñarse cara ao soño ligueiro, cre a técnica, xa que estes cuartos “son dúas finais contra un equipo que ten moita calidade e que, obviamente, tamén fará os seus deberes”. Porén, se algo move ás súas é precisamente a forza de vontade no momento preciso, e por iso destaca que “temos moitas ganas de estar ben e de volver ter boas sensacións con calidade e consistencia”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Cuartos de final (ida)
Caja Rural Aula Valladolid – Mecalia Atlético Guardés
Mércores, 7 de maio, ás 21:00 horas no Pavillón Huerta del Rey (Valladolid)
Será emitido en directo por Teledeporte
Liga Guerreras Iberdrola | Cuartos de final (volta)
Mecalia Atlético Guardés – Caja Rural Aula Valladolid
Sábado, 10 de maio, ás 19:00 horas no Pavillón Municipal A Sangriña
Retransmisión pola canle de YouTube do mecalia Atlético Guardés
Ningún comentario:
Publicar un comentario