16 de abr. de 2025

O ROSAL

A Mata convértese na capital do fútbol base con máis de 250 nenos participantes no XIII ORosalCup  

 O torneo internacional organizado pola UD Ribera reunirá esta Semana Santa a equipos galegos e portugueses da categoría infantil nunha gran festa deportiva  

 

O concelleiro de Deportes e Turismo, José Carlos Martínez Crespo - no centro - con dous directivos da UD Ribera, na presentación do torneo internacional ORosalCup
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 Dous días de fútbol intenso, emocións a flor de pel e máis de 250 nenos deixando o alma no campo. O Rosal volverá converterse esta Semana Santa nun punto de encontro para o mellor fútbol base coa celebración dunha nova edición do torneo internacional ORosalCup, unha cita xa emblemática que terá lugar os días 18 e 19 de abril nas instalacións deportivas do campo da Mata. 

 Nesta décimo terceira edición, o torneo reunirá a 14 equipos infantís, incluíndo clubs de referencia da categoría autonómica galega e equipo portugueses, consolidando o carácter internacional do evento. A competición dividirase en dúas xornadas: unha fase preliminar o venres 18, onde catro equipos loitarán por un posto na final; e unha xornada o sábado 19 na que os mellores clubs entrarán en xogo para coroarse campións desta edición. 

 “O ORosalCup é moito máis ca un torneo: é un espazo de encontro, de valores e de futuro. É un orgullo ver como unha iniciativa que naceu da paixón polo deporte medra ano tras ano e converte o Rosal nun punto neurálxico do fútbol base galego e luso”, sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís. A rexedora, sinalou que este torneo internacional “é tamén unha mostra do noso compromiso por apoiar o deporte de base e poñer en valor a nosa vila como destino activo e dinámico, tamén en Semana Santa”. 

 O evento, organizado pola UD Ribera co apoio do Concello do Rosal, atraerá a centos de persoas, entre xogadores, adestradores, familias e afección, xerando tamén impacto positivo no tecido local. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes e Turismo, José Carlos Martínez Crespo, puxo en valor o esforzo da organización. “Queremos agradecer moi especialmente á UD Ribera o seu traballo constante, non só facendo posible este torneo edición tras edición, senón tamén polo seu compromiso continuo coa promoción do deporte base no Rosal. O ORosalCup é xa unha cita marcada no calendario deportivo da comarca, unha fin de semana onde o compañeirismo e a ilusión pisan forte en cada recuncho do campo”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario