18 de abr. de 2025

LÍNGUA

A Xunta de Galicia ofrece por primeira vez cursos de galego no Instituto Cervantes de Nova York 

 A proposta enmárcase no paquete de medidas deseñadas para o impulso do idioma no marco do Pacto pola Lingua, que inclúe a súa proxección fóra de Galicia 

 O secretario xeral da Lingua visitou a sede da entidade onde se imparten estas clases


O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado polo director do Instituto Cervantes, Javier Valdivieso e o responsable dos cursos, Álex Alonso, xunto con outras persoas, no Instituto Cervantes, de Nova York
Foto: X.G.

Infogauda / Nova York 

 A Xunta de Galicia pon en marcha por primeira vez cursos de galego en Nova York a través do Instituto Cervantes. Así o anunciou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha visita á sede da entidade no comezo destas clases “coas que non só expandimos e ampliamos o coñecemento do noso idioma máis alá da nosa terra”, apuntando que “tamén é unha maneira de darlle prestixio a través dunha institución de renome e, ademais, tendo en conta que Nova York é un punto estratéxico”.  

 Así, o representante do Executivo autonómico, que estivo acompañado polo director do Instituto Cervantes, Javier Valdivieso e o responsable dos cursos, Álex Alonso,  lembrou que esta é “unha das medidas incluídas no Pacto pola Lingua dirixido a incentivar o uso social do galego e onde se recolle a posta en marcha de distintos cursos enfocados en diferentes grupos de poboación”. Neste senso, fixo fincapé nun dos puntos principais deste pacto, a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, que “precisamente dedica unha das súas mesas de traballo especializadas á proxección exterior do galego e á súa promoción fóra de Galicia”.  

 Tal e como explicou Valentín García, a acción está dirixida “tanto a manter a conexión cultural coas comunidades de galegos residentes no exterior, como a oferecerlles a oportunidade ás persoas interesadas de achegarse á nosa cultura e á nosa lingua”. Ademais, puntualizou, “saber comunicarse en galego tamén nos conecta co mundo a través dos países de fala portuguesa, con máis de 270 millóns de falantes”.  

 Segundo afirmou o secretario xeral da Lingua, a posta en marcha destes cursos no Instituto Cervantes de Nova York  xurdiu grazas á colaboración da Xunta de Galicia con esta entidade cultural que, entre outros cometidos, difunde e promociona a rica variedade lingüística de España a nivel internacional.   

 Deste xeito, esta nova formación súmase así á oferta especializada noutros cursos de lingua galega e castelá que a entidade xa vén ofertando nos seus diversos centros, de maneira que “con esta incorporación ampliamos a nosa aposta por poñer en valor as linguas cooficiais e a cultura e identidade propia dos distintos territorios no conxunto do Estado”. Así o sinalou Valentín García, resaltando que “a aprendizaxe da lingua a través destes cursos vai vencellada a un coñecemento máis profundo do que é Galicia, a súa historia, as súas raíces, o seu contexto e a súa xente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario