COMBATE NULO CON SABOR A VITORIA PARA CHARLY LÓPEZ, EN IRLANDA
• Un gran traballo do boxeador goianés que fixo unha fantástica actuación fóra da casa, situándose un pouco máis preto de loitar polo título nacional
Infogauda / Tomiño
Charly López, o boxeador goianés do Spartan Team Tomiño / Planas Box Coruña (7-1-1) desprazouse ata Irlanda para loitar o pasado sábado no National Stadium de Dublín, deixando o pavillón ben alto e facendo méritos para gañar ao boxeador local Glenn Byrne (5-0-1), tras oito asaltos disputados na súa primeira experiencia no estranxeiro como boxeador profesional.
O púxil tomiñés amosou un boxeo moi agresivo e confiado desde o segundo asalto, logo de aguantar o bo inicio do inglés no primeiro. O combate, disputado na categoría superwelter (69,80kg), foise inclinando a favor do español, aínda que o irlandés, que parecía estar pasando por momentos complicados, recuperábase e tentaba equilibrar os asaltos.
Charly foi moi ofensivo e por momentos pareceu ter a vitoria por KO ao seu alcance, pero Byrne resistía e tamén tivo bos momentos no combate. Ao final das oito roldas, as puntuacións foron 77-75 a favor de López, aínda que os outros dous xuíces non o viron igual: un deu unha incrible e desigual puntuación de 79-74 para o irlandés, e o terceiro viu un 76-76, polo tanto, empate no combate.
Un gran traballo de Charly, que fixo unha fantástica actuación fóra da casa e sitúase un pouco máis preto de loitar polo título nacional.
O Concello de Tomiño dalle os parabéns.

Ningún comentario:
Publicar un comentario