BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés visita ao Bera Bera en busca do pleno, aínda que baixo mínimos
• O equipo recupera este mércores o partido de vixésima xornada aprazado no seu momento ante o Super Amara Bera Bera, o único equipo ao que non conseguiu vencer aínda esta tempada ligueira
• As de Ana Seabra afrontan o encontro con calma e buscando non forzar de cara a eliminatoria, o que demostra o repregue de efectivos: o máis probable é que continúe o descanso de Cecilia Cacheda e Jazmín Mendoza, ás que se suma María Palomo por molestias no xeonllo
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés ten a oportunidade de facer pleno de rivais. Este mércores, 23 de abril ás 20.00 horas, as de Ana Cristina Teixeira Seabra disputarán na pista do Super Amara Bera Bera o partido de vixésima xornada que ambos equipos acordaron aprazar no seu momento. O equipo donostiarra é precisamente o único ao que o Mecalia Atlético Guardés non logrou gañar nesta Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025, e poder facelo esta semana sería o mellor xute de confianza posible de cara a eliminatoria polo título do vindeiro mes de maio. Nestes derradeiros partidos de fase regular, gañar segue a ser o obxectivo do líder da categoría, aínda que tratará de facelo buscando o equilibrio cun cadro de persoal que se atopa baixo mínimos. Cecilia Cacheda continúa descansando das pistas e tampouco xogará este mércores, e o máis probable é que este sexa tamén o caso de Jazmín Mendoza unha xornada máis. A elas únese ademais María Palomo, en repouso por molestias no xeonllo. É dicir, aínda co reforzo das xuvenís María Español e Carmen Magallanes, o Mecalia Atlético Guardés mobiliza poucas xogadoras e cun longo percorrido ás costas, de modo que manter o ritmo será prioritario á suma de puntos, como xa o fora o domingo pasado no derbi ante Porriño.
O Mecalia Atlético Guardés chegará a San Sebastián mañá coa mente fría. Entre as súas filas aínda estará recente o partido do pasado sábado, un disputado derbi As Nosas no que souberon remontar unha vantaxe porriñesa de ata seis goles ao descanso para quedar a segundos de lograr o empate (24-23). A segunda derrota da tempada ligueira non foi un golpe duro para a moral do conxunto da Sangriña, xa que chegou cando este xa se coroara como líder sen discusión, e nun contexto de cadro de xogadoras curto, con importantes ausencias. A capacidade máis que demostrada de remontar en tales circunstancias e fóra da casa, en cambio, é a idea coa que o Mecalia Atlético Guardés quixo quedarse do seu duelo no Porriño.
Todo apunta a que a seguridade de ter os deberes feitos fará que o cadro de persoal de Ana Cristina Teixeira Seabra adopte un enfoque máis conservador nestas últimas xornadas. É importante manter o alto ritmo de xogo e o nivel de traballo, pero a técnica tamén priorizará o descanso das súas para chegar á eliminatoria polo título do próximo mes coas pilas cargadas ao máximo, xa que, no caso de avanzar á final, podería chegar a supoñer xogar sete partidos en algo máis de catro semanas. Por iso o equipo tamén limitou a viaxe todo o posible (sairán cara a Donostia este mesmo mércores a primeira hora da mañá), buscando controlar o cansazo nesta semana de dobre xornada.
E tamén polo mesmo continúa unha semana máis a ausencia de Cecilia Cacheda, que decidiu prolongar o repouso que comezou a finais de marzo por unhas microrroturas de fibras no músculo sóleo da perna. A súa baixa foi da man coa de Jazmín Mendoza, quen polas mesmas datas sufriu unha escordadura de grao II no nocello esquerdo, e o máis probable é que tampouco viaxe este mércores. Pero ademais, ás súas baixas súmase a de María Palomo, quen acusa molestias no xeonllo dende a súa concentración coas Guerreras e optou tamén polo control de danos. Un panorama que terá ao equipo do Mecalia Atlético Guardés baixo mínimos fronte ao actual campión da Liga, e polo que de novo decidiuse incorporar ás xuvenís Carmen Magallanes e María Español.
Pola súa parte, o Super Amara Bera Bera acudirá á cita con moita máis necesidade dos dous puntos en xogo. O equipo donostiarra, terceiro clasificado nestes momentos, teno moi difícil para asaltar a segunda praza, que ostenta un Costa del Sol Málaga con catro puntos de vantaxe e que lle ten gañado a diferenza de goles (marcados e recibidos), aínda que cun partido menos. Os seus esforzos concéntranse, porén, en defenderse do Porriño, cuarto e en ascenso tan só dous puntos por debaixo, e con dous duelos pendentes de menor dificultade que os seus.
É dicir, con vistas a eliminatoria, as de Imanol Álvarez farán todo o posible por saír airosas deste duelo de titáns que ademais afrontan como anfitrioas. Xa o lograron, e foron as únicas en facelo, na súa primeira visita ao Mecalia Atlético Guardés o pasado mes de novembro na Sangriña, aínda que pola mínima e con dificultades (26-27). E é por iso mesmo, malia as baixas e todo o demais, que as de Ana Cristina Teixeira Seabra loitarán este mércores polo desquite e polo pleno de vitorias que coroe esta fase regular.
Ana Cristina Teixeira Seabra: “Sabemos que é difícil, pero imos traballar duro e tomarnos este partido coa mesma seriedade ca os demais”
A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, confirma as intencións das súas para este duelo ante un Bera Bera anfitrión: “Sabemos que é unha viaxe difícil, pero imos traballar duro e tomarnos este partido coa mesma seriedade que os demais”, sentencia.
Para Seabra o equipo donostiarra está “cheo de xogadoras de calidade que nos van causar moitos problemas”, como xa o fixeron noutras ocasións. Un feito que non amedrenta ás súas, senón que insiste en que “imos tomalo coa mesma naturalidade e respecto que tódolos partidos”.
A preparadora do Mecalia Atlético Guardés non esquece as dificultades que enfrontará o seu equipo, coma un cadro de persoal curto, o efecto cancha ou a maior necesidade de puntuar do seu rival. Porén, repite unha vez máis o obxectivo: “Traballar para facilitarnos un pouco o noso xogo e intentar pelexar e competir como temos pelexado e competido ata agora”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola
Xornada 20 (aprazado)
Super Amara Bera Bera – Mecalia Atlético Guardés
Mércores, 23 de abril ás 20:00 horas, no Pavillón Municipal Josean Gasca (San Sebastián)
Retransmisión pola canle de YouTube do Super Amara Bera Bera:

Ningún comentario:
Publicar un comentario