Tui conmemorará o 8M baixo o lema "Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre"
• O cartel é obra da ilustradora Luz Beloso. A xornalista Diana López Varela dará lectura ao manifesto deste Día Internacional da Muller
Infogauda / Tui
O Concello de Tui vai conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema "Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre". Co mesmo recoñécese a todas as mulleres que abriron o camiño cara a igualdade, tamén a aquelas que o seguen percorrendo e se interpela a cidadanía a defender os dereitos, conquistados tras moitos anos de loita e que na actualidade se ven ameazados.
O cartel deste ano é obra da ilustradora Luz Beloso, no que representa a varias xeracións de mulleres erguendo a voz para defender os seus dereitos, coas palabras 8M e o lema deste 2025. Luz Beloso é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de pintura. Pintora, ilustradora e profesora de debuxo, participou en numerosas exposicións nacionais e internacionais. Os seus traballos como ilustradora recibiron diversos premios e mencións.
A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explicaba que co lema deste ano “Os nosos dereitos, hoxe, mañá e sempre” quérese recoñecer “o legado das mulleres que nos precederon, das conquistadoras dos nosos dereitos, dos dereitos que hoxe gozamos todas nós”. Engade que tamén “queremos celebrar os logros conquistados até o de agora sobre todo, para o que precisamos de toda a cidadanía, reivindicar o camiño que aínda nos queda por percorrer”, sinalando que “en moitos lugares eses dereitos están sendo ameazados, e por iso seguiremos alzando as nosas voces e traballando por conseguir unha sociedade máis xusta, igualitaria e mellor”.
A programación do 8M organizada polo Concello de Tui é “completa e diversa que reflicte a forza do feminismo” segundo a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, quen explicaba que neste ano está en boa parte centrada na cultura “porque é unha ferramenta moi poderosa para reivindicar o feminismo”, xa que amplifica voces silenciadas e usa o arte para inspirar cambios sociais. A través da memoria histórica, a creación de referentes, a denuncia de desigualdades e o activismo, a cultura faise ferramenta clave na loita feminista. Amais co programa previsto búscase fomentar o debate, a reflexión e a posta en valor da contribución feminina en todos os ámbitos.
O acto central deste ano terá lugar o propio sábado, 8 de marzo, ás 19 h no Teatro Municipal de Tui coa lectura do manifesto a cargo de Diana López Varela, xornalista, guionista e activista feminina. No acto recoñecerase a tres mulleres tudenses de onte, hoxe e mañá; contarase coa actuación musical de alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui; e cun recital de poesía a cargo de alumnas do IES San Paio, que participaron no obradoiro de poesía realizado con Yolanda Castaño.
O primeiro acto previsto terá lugar o xoves, 6 de marzo, ás 19 h no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela coa proxección do documental “Prefiro condenarme” de Margarita Ledo, con posterior coloquio coa presenza da directora.
O sábado 8, amais do acto institucional ás 19 h, pola mañá desenvolverase a actividade “Tecendo feminismo” que brindará un espazo de encontro, de reflexión e aprendizaxe no que tecer redes, entrelazar fíos e construír feminismo. No mesmo, coa colaboración de M&R Abalorios as persoas participantes elaborarán en crochet uns pendentes morados.
Xa o mércores 12 ás 18 h no edificio Francisco Sánchez haberá un encontro con Ivonete Da Silva, a autora da tradución do libro de Mikki Kendal “Feminismo de barrio”.
O venres 14 ás 21 h no Teatro Municipal de Tui, dentro da programación do primeiro trimestre neste espazo escénico, Producións Teatrais Excéntricas presenta “As Desterradas”. As entradas están xa á venda en tui.gal.
Unha das grandes novidades deste ano será a celebración do mercado "Elas Facedoras", un espazo dedicado á creatividade feminina que permitirá descubrir e apoiar o talento de mulleres creadoras en moi diversas disciplinas. Este mercado servirá como plataforma para artistas, artesás e emprendedoras, amosando a riqueza e a diversidade da súa produción. Desenvolverase no claustro do Seminario Menor. Mañá mércores publicaranse as bases do mercado e abrirase o prazo de solicitude de participación a través de tui.gal.
O xoves, 20 de marzo, ás 19 h, na Sala Félix Rodríguez no edificio Francisco Sánchez, terá lugar a presentación do libro “As Benfaladas” de María Xosé Porteiro, nunha conversa da autora con Paula Cabaleiro.
A programación do 8M deste 2025 pecharase o domingo 30, ás 12 h, no Mercado de San Antonio co espectáculo “Asdomare” para público familiar, da man de Vero Rilo e Sonsoles Penadique.
Por outra parte a casa do concello iluminarase de morado dende o venres 7 de marzo. A Biblioteca Municipal recomendará ao longo do mes literatura feminina e feminista, e as librarías locais ofrecerán, na fin de semana do 8 de marzo, descontos nos libros de temática feminista.
Con esta programación o Concello de Tui reafirma o compromiso coa igualdade e a loita polos dereitos das mulleres, hoxe, mañá e sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario