Comezou hoxe a entrega de plantas autóctonas co fin de previr incendios
• A 4ª edición da campaña "Rodéate de Vida" repartirá 1.300 árbores entre persoas veciñas que desexen repoboar as súas parcelas situadas en faixa secundaria
Infogauda / Tomiño
Dentro da 4ª edición da campaña “Rodéate de Vida”, organizada polo Departamento de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, tiveron lugar hoxe as primeiras entregas de balde de plantas de especies autóctonas.
A medida está dirixida a veciños e veciñas de Tomiño que desexen repoboar as súas parcelas situadas en faixa secundaria. E aínda están a tempo de apuntarse as persoas interesadas, puidendo pasar polo Departamento de Medio Ambiente do Concello; enviando un correo electrónico a: tecnica.medioambiente@tomino.gal ou ben, chamando ao 986 62 20 01 (extensión 2). Rodéate de vida” é o lema da campaña municipal de repoboación e fomento da biodiversidade nas faixas secundarias de xestión da biomasa, con planta forestal frondosa e autóctona, co obxectivo final de previr incendios forestais. Polo que se plantea nesta franxa, de 50 metros ao redor das vivendas, a substitución das especies como pino, eucalipto e acacia por unha combinación de autóctonas (como o castiñeiro, carballo, bidueiro, sobreira, aciñeira, cerdeira, nogueira, érbedo e freixo), que non so frearán a posible propagación nun incendio, senón que favorecerán aspectos como a diversificación de especies, dispoñibilidade de alimento e refuxio para animais silvestres, e calidade do solo.
A concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, informa que o departamento seguirá entregando nas próximas semanas, sen coste algún, exemplares autóctonos, a cambio de ter correctamente xestionadas as parcelas dos arredores dos núcleos de poboación, sen especies prohibidas, como se establece na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario