Tomiño promove o poder da educación para transformar a sociedade
• A Semana da Educación celebra á súa décima edición con catro conferenciantes de referencia do 10 ao 13 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián
Infogauda / Tomiño
Educar é sementar futuro e Tomiño leva unha década cultivando coñecemento. A Semana da Educación celebra do 10 ao 13 de febreiro o seu décimo aniversario, un evento moi consolidado que nestes dez anos se converteu en referente na aprendizaxe cun programa que achega a expertos e expertas con gran recoñecemento en distintos campos do ensino e da crianza a familias, docentes e profesionais da educación.
Máis de 350 persoas xa están inscritas para participar nunha cita que ano tras ano vai crecendo en prestixio e que este ano se celebra baixo o lema ‘Penso, logo insisto: a educación é a solución’. Un eixo vertebrador que, como como sinala a alcaldesa, Sandra González, “é perfecto para celebrar estes dez anos poñendo en valor a educación como a mellor ferramenta de cambio para a nosa sociedade”. A rexedora fai un chamamento a nais e pais para que asistan a estes catro días de charla e “aproveiten unha oportunidade única de acceder a formación de calidade con grandes profesionais da educación de xeito totalmente gratuíto”.
O auditorio de Goián converterase cada tarde ás 19.00 horas un espazo para a reflexión e a mellora das prácticas educativas, porque, como subliña Sandra González, “a Semana da Educación e o mellor exemplo de que a educación non está só nas aulas, senón tamén na sociedade. Con esta iniciativa, o Concello quere ofrecer ás familias e aos profesionais da educación as ferramentas necesarias para mellorar a educación dos nosos fillos e fillas”.
Os catro días de conferencias estarán protagonizados por catro destacados expertas e expertos que abordarán aspectos clave para mellorar a crianza e a educación, como a intelixencia emocional, a alimentación ou os cambios educativos.
Armando Bastida será o encargado de abrir a décima Semana da Educación de Tomiño o luns 10 con ‘Educar con sentido común’, unha conferencia na que aprender a transmitir normas e valores con empatía. Enfermeiro con máis de 20 anos de experiencia en saúde infantil e educación, Bastida é creador do proxecto Criar con Sentido Común, unha plataforma que xa axudou a máis de 26.000 familias. É autor ademais do libro ‘Soy papá: guía para criar con sentido común’.
Con Beatriz Robles aprenderemos o martes 11 de febreiro a que non nos dean gato por lebre coa súa charla ‘Desinformación alimentaria: ferramentas para que non tragues calquera cousa'. Un encontro dinámico no que o público poderá aprender a identificar información fiable sobre os alimentos para protexer a saúde. Licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, nutricionista e escritora, Robles é experta en seguridade alimentaria e divulgadora comprometida con promover unha alimentación segura baseada en evidencia científica. É colaboradora habitual en medios programas como Saber Vivir de RTVE, El Comidista ou Maldita.es.
O mércores 12 de febreiro a Semana da Educación superará o seu ecuador coa charla de Rafa Guerrero sobre ‘Como fomentar a intelixencia emocional na infancia e na adolescencia’, un percorrido para aprender a fomentala e acompañar a cativada e mocidade no difícil proceso de xestionar as súas emocións e superar retos e obstáculos. Psicólogo clínico e experto en desenvolvemento infantil, Guerrero é un referente en intelixencia emocional, apego e bos tratos na infancia. Autor de máis de 20 libros, docente e colaborador en medios como El País ou RNE, este gran coñecedor do desenvolvemento evolutivo da cativada e defensor do bo trato na infancia compartirá ferramentas clave para entender mellor ás novas xeracións.
A décima edición da Semana da Educación baixará o pano da man de Diana Jiménez, que o xoves 13 de febreiro afondará na necesidade de que ‘Cando os tempos cambian, os pais e nais aprenden’. A psicóloga ensinará ao público participante a afrontar os novos desafíos sen perder os valores esenciais con disciplina positiva, corrixindo comportamentos dende o afecto, a comunicación e a empatía. Escritora e fundadora dos proxectos Infancia en Positivo e Parella en positivo, Jiménez ofrece recursos e estratexias para que pais e nais afronten con seguridade os retos da crianza, creando unha educación máis consciente e afectuosa.
A entrada será de balde e aberta ao público, aínda que xa están completas as prazas de inscricións para persoas interesadas en recibir os seus diplomas de participación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario