Tomiño premia o desempeño do deporte local, con Uxía Rodríguez e Manuel Ochoa como grandes triunfadores
• A alcaldesa salienta o labor e a entrega non só dos deportistas, senón tamén dos adestradores, entidades e empresas que fomentan o deporte de forma altruísta
Infogauda / Tomiño
A Gala do Deporte de Tomiño, na súa 8ª edición, premiou non só a labor dos deportistas xa consolidados, senón tamén das promesas e das asociacións ou persoas implicadas no crecemento do deporte tomiñés. Un exemplo é a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tomiño, distinguida polo seu constante apoio ao deporte local co Premio Asociación que fomenta o Deporte; ou o comercio LitoSport, que recibiu o Premio ao Patrocinador.
O público ateigou o Auditorio Municipal (Goián) durante esta oitava gala organizada pola Concellería de Deportes que dirixe Rubén García. Tanto el, como a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valoraron “o esforzo dos deportistas destacados pero tamén o dos seus adestradores, clubs e entidades locais que fan posible que o soño de moitas persoas amantes do deporte, sexa posible”, referíndose, ademais, á importancia de facer deporte ou algún tipo de actividade física para ter unha mellor calidade de vida.
Presentado polo xornalista deportivo Terio Carrera, o evento foi unha verdadeira festa do deporte na que non faltaron a emoción e os agradecementos, todo acompañado polas actuacións do mago tomiñés Samuel Moreno, que fixo aínda máis atractiva a cerimonia do pasado sábado para desfrute de maiores e pequenos.
No tocante aos galardóns, a BTT Terras de Tomiño e Florentiña foi elixida Mellor evento deportivo 2024, e o programa deportivo para persoas maiores que une os concellos Tomiño e Vila Nova de Cerveira, Olympics4All, levou o Premio á inclusión no deporte.
O premio ao Mellor adestrador 2024 foi para Javier Sierpes, do club Sociedade Atlética do Trega, de Tomiño, quen cultivou o gusto por esta disciplina nos últimos anos, elevando o nivel e número de nenos e nenas de toda a comarca que compiten na actualidade con moi bos resultados.
O premio de Mellor Club Base foi para a A.D. Tomiño, na que ademais de fútbol, ensínanse valores como a convivencia e a importancia do traballo en equipo.
Houbo tamén varias Mencións Especiais, que recaeron no Tomiño F.C. e no Goián F.C., polos seus ascensos a Primeira Rexional; e tamén o Tebra F.C., polo seu ascenso a Segunda Rexional. O Tomiño F.C.F. –foi mencionado igualmente; no seu caso, por xogar fase de ascenso a Terceira RFEF-. A nivel individual, David Mella recibiu a mención por proclamarse Campión do Mundo e Subcampión de Europa VL1 200M, en Hungría.
Na categoría de Mellor promesa masculina 2024, fíxose co premio Marcos Garabatos, nadador do Club de Natación de Mos; e Julia Martínez, atleta do clube Sociedade Atlética do Trega, como Mellor Promesa Feminina 2024.
Por último, o premio de Mellor Deportista Masculino 2024, foi para Manuel Ochoa, impoñéndose a Pablo Durán e Diego Álvarez nunha axustada vitoria; e Uxía Rodríguez proclamouse Mellor Deportista Feminina 2024, impoñéndose no seu caso tamén de maneira axustada a Carmen Figueiroa e Laura Silva
Ningún comentario:
Publicar un comentario