Luis López anuncia a posta en marcha dunha nova edición de +Música, dotado con 700.000 €, 100.000 máis que no 2024, para espallar a cultura musical por toda a provincia
• O programa levou o pasado ano aos concellos de menos de 50.000 habitantes grupos como Fillas de Cassandra, Guadi Galego, The Rapants ou Dakidarría
Infogauda / Pontevedra
O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases dunha nova edición de +Música, o programa que busca apoiar a programación artística nos concellos de menos de 50.000 habitantes ao longo deste ano. Neste 2025 conta cun orzamento de 700.000 euros, o que supón un aumento de 100.000 euros con respecto ao ano pasado, co obxectivo de conseguir que a cultura “chegue a todos e cada un dos recunchos desta provincia, independentemente da localización e o tamaño do concello”, explicou Luis López.
Ao longo do pasado ano a través desta iniciativa cultural provincial, tal e como explicou o presidente, grupos como Fillas de Cassandra, Guadi Galego, The Rapants ou Dakidarría actuaron nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. En liñas xerais, o obxectivo de +Música é poñer a disposición dos municipios grupos de artistas profesionais de música que realizan as súas actuacións ou os seus concertos en lingua galega ou, no caso de ser instrumentais, con pezas de autoría galega, co obxectivo de difundir e fomentar a cultura galega. Así, os concellos poderán solicitar actuacións dos grupos inscritos no catálogo +Música entre o 20 de febreiro ao 5 de marzo, que terán que ser de balde e desenvolverse entre o 15 de abril e o 31 de decembro de 2025.
Cada concello poderá solicitar unha actuación, no caso de que o caché do grupo supere os 12.000 euros, ou dúas, se no seu conxunto non supera ese importe. A Deputación encargarse de aboar o caché, mentres que será o concello o encargado de sufragar os gastos derivados da produción do espectáculo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario