Proxección da curtametraxe A ROSA INCANDESCENTE (A nova visión de Rosalía de Castro)
• O vindeiro venres, 21 de febreiro, ás 20:00h no local do IEM
IEM / Gondomar
Coincidindo co Día Mundial da Lingua Inicial ou lingua materna, o vindeiro venres, 21 de febreiro, ás 20:00h no local do IEM, imos presentar no IEM a curtametraxe A ROSA INCANDESCENTE con guión e produción de Anxos García Fonte.
Esta profesora e xornalista presentará o seu traballo como unha nova visión de Rosalía Castro e comentará a importancia da lingua materna na formación do ser humano e das sociedades que formamos. Presenta o acto Camiño Noia.
Que é A rosa incandescente?
A rosa incandescente é unha curtametraxe estrada en 2022 que nos achega á figura e á obra de Rosalía de Castro. Ao longo dos seus 27 minutos de duración entramos en contacto cunha Rosalía cercana e directa que nos conta ela mesma algúns dos aspectos fundamentais da súa vida e obra. Así vai debullando a paixón pola literatura oral, o compromiso co seu país, a sensibilidade cos marxinados da sociedade, a análise económica e social do seu tempo e, por suposto, as dificultades que ela mesma tivo que enfrontar por ser muller e escritora. Rosalía é no filme a mesma rosa incandescentede intelixencia, sensibilidade e paixón polo que fai.
A este orixinal enfoque do guión de Anxos García Fonte sobre a gran escritora galega únese o traballo do director, David Vázquez, e o director de fotografía, Bruno Máez, que conseguen envolvernos nunha atmósfera sensual que recrea eficazmente o mundo de Rosalía de Castro. Non podemos deixar de mencionar a interpretación da protagonista, feita cunha gran intensidade por Alba López; o coidado deseño de vestiario de Ana Gesto; a sobria escolla de atrezzo de Alicia Fernández e, por suposto, a beleza antiga do entorno do Pazo de Sabadelle, que fan o resto.
Só quedaba un orixinal acompañamento musical, feito adrede por Tamara Lorenzo, para este traballo audiovisual que non vai deixar a ninguén indiferente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario