Os premios Empréganos recoñeceron ás empresas comprometidas coa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental na Coruña
• Northius, Brico Depôt, BCL Facility Services, Emprego Social, a Asociación de Empresarias de A Coruña e Manuel Añón Gesto, foron as empresas e persoas premiadas nun acto que congregou a máis de 100 asistentes no Centro Municipal de Emprego da Coruña.
Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña
Esta tarde, Saúde Mental FEAFES Galicia celebrou a terceira edición dos seus Premios EMPRÉGANOS, que teñen como obxectivo recoñecer o compromiso e a implicación das empresas, organismos e persoas favorecedoras da inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental.
Na categoría Empresa de Formación resultou premiada Northius, por apostar pola mellora da cualificación de persoas con problemas de saúde mental, ofrecéndolles formación innovadora e de calidade que potencia a súa capacitación laboral. O premio á Empresa Colaboradora foi para Brico Depôt, que leva 8 anos acollendo alumnado deste colectivo en prácticas non laborais e brindándolles posteriormente oportunidades de emprego. BCL Facility Services, pola súa banda, recibiu o premio á Empresa Contratante pola confianza depositada en Saúde Mental FEAFES Galicia para comunicar ofertas e contratar a persoas usuarias no mercado ordinario, así como pola estreita colaboración e a comunicación fluída coa entidade.
Na categoría Emprego Protexido, recoñeceuse a Emprego Social, que destaca polo seu compromiso e implicación na contratación estable de persoas con problemas de saúde mental, así como pola súa calidade humana. A Entidade Colaboradora premiada foi a Asociación de Empresarias de A Coruña por contribuír á visibilización de Saúde Mental FEAFES Galicia e por impartir e ofrecer formación de calidade sobre autoemprego ás persoas con problemas de saúde mental. Finalmente, como Persoa Referente recibiu o galardón Manuel Añón Gesto, encargado xeral de servizos de Clece S.A., en recoñecemento á súa entrega, sensibilidade e boa disposición cara a inserción laboral de colectivos vulnerables, e por ser unha persoa altamente implicada coa igualdade de oportunidades e a non discriminación.
Na súa intervención, o director de Saúde Mental FEAFES Galicia, Antonio Hernández, sinalou que ao longo do 2024, a entidade axudou a 839 persoas con problemas de saúde mental a lograr un emprego en toda Galicia (191 na área da Coruña), o cal representa o 67% das persoas atendidas. Esta cifra, moi superior ao índice xeral de inserción laboral do colectivo, demostra que cando hai un servizo especializado detrás, as oportunidades para estas persoas multiplícanse exponencialmente.
No acto interviu tamén Ana Penas, usuaria de Saúde Mental FEAFES Galicia, que puxo o foco na importancia que ten o emprego para o desenvolvemento dun proxecto de vida de calquera persoa, canto máis das que teñen un problema de saúde mental. Penas pediu confianza e non discriminación por parte do empresariado, para que as persoas con problemas de saúde mental poidan demostrar a súa valía no eido laboral. “Considero de vital importancia que as empresas vexades en nós ás persoas profesionais que somos, máis alá dun diagnóstico ou unha discapacidade”, sinalou.
Ao acto acudiron tamén a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa Domínguez; a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Sobral Cabanas; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; a deputada provincial de Política Social, Educación e Mobilidade, Mª Mar García Vidal; e o Director Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na Coruña, Juan José Couce Prego. Houbo tamén persoal técnico, directivo e persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e das súas asociacións, así como a presenza de múltiples empresarios e empresarias da zona, contando cun total de máis de 100 asistentes.
O emprego, un camiño cara a normalización
A baixa inserción laboral das persoas con problemas de saúde mental é unha das principais barreiras coas que se atopa este colectivo de cara á súa integración social, debido en gran medida aos prexuízos que aínda existen no eido empresarial e na sociedade en xeral.
Segundo datos do INE, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 17,55%, sendo a máis baixa de todas as discapacidades. Non obstante, segundo a experiencia de Saúde Mental FEAFES Galicia, un problema de saúde mental non ten por que ser un impedimento para obter un emprego. Na maioría dos casos, as persoas con problemas de saúde mental non só son capaces de traballar senón que acaban sorprendendo ao empresariado pola súa dedicación, motivación e calidade de traballo.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario