A Xunta de Galicia subvenciona con máis de 420.000 euros o sector vinícola do Baixo Miño
• Trátase das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, que benefician a 76 solicitantes da provincia de Pontevedra
Infogauda / Tomiño
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá os viñedos de Bodegas Altos de Torona, no concello de Tomiño, con motivo das axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia.
Esta bodega con sede no Rosal, pero afincada no concello de Tomiño, recibiu unha achega de máis de 210.000 euros que permitirán mellorar as súas técnicas de xestión dos viñedos así como a súa produtividade e competitividade.
Cabe destacar que estas axudas contan cun orzamento total de 3,1 millóns de euros que permitirán actuar en preto de 240 hectáreas de viñedo e beneficiarán 172 persoas viticultoras, das cales 76 corresponden a solicitantes da provincia de Pontevedra.
No caso da comarca do Baixo Miño, as axudas superan os 420.000 euros. Desta forma a consellería de Medio Rural busca fortalecer a aposta por un sector estratéxico en Galicia e que cada ano conquista logros importantísimos que reverten a favor de toda a cidadanía.
Neste sentido, o delegado territorial destacou o gran impacto do sector vinícola na provincia de Pontevedra, “un sector que xera milleiros de postos de traballo e que goza dunha reputación máis que merecida, polo excelente traballo que se está a levar a cabo dende hai moitos anos e pola calidade incomparable dos seus produtos”.
Acción estratéxica
Esta medida é estratéxica para a nosa comunidade, coa principal finalidade de incrementar a competitividade das explotacións vitícolas. Faino mediante os reaxustes estruturais necesarios do viñedo galego para que se diminúan os custos de produción das explotacións, nas que hai un gran predominio do minifundio. Tamén coas melloras técnicas da xestión dos viñedos galegos que contribúan a redimensionar as explotacións e cos reaxustes varietais necesarios para favorecer a orientación ao mercado.
Deste xeito, adáptanse as producións á demanda á vez que se preservan as viníferas autóctonas galegas de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.
Neste sentido, con estas axudas búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.
Ningún comentario:
Publicar un comentario