4 de feb. de 2025

ECONOMÍA

O comité de BorgWarner suspende as protestas ao lograr a readmisión do traballador despedido 

•  A empresa da automoción con sedes en Vigo, O Porriño e Nigrán retirará o recurso diante do TSXG e faralle ao afectado un contrato indefinido 


Na imaxe, unha das protestas realizadas a pasada semana polo persoal de BorgWarner
Foto: CIG

Infogauda / Vigo

 O comité de empresa de BorgWarner decidiu suspender o calendario de mobilizacións que tiña previsto iniciar onte tras lograr a readmisión do compañeiro despedido. A empresa da automoción con centros de traballo en Vigo, O Porriño e Nigrán retirará o recurso presentado diante do TSXG despois de que o afectado gañase o xuízo por fraude de lei no contrato temporal por circunstancias da produción e faralle ao traballador un contrato indefinido. 

 Logo das asembleas celebradas e das concentracións realizadas o pasado luns 27 de xaneiro nas portas dos centros de traballo, o persoal de BorgWarner estaba convocado a seguir incrementando unhas medidas de presión que pasaban polo cumprimento estrito da xornada laboral diaria, a non realización de horas extras e concentracións no tempo de bocadillo nas quendas de mañá e tarde diante das oficinas principais do centro de Zamáns (Vigo).  

 Mais nada máis facerse público o conflito a través dos medios de comunicación o pasado venres a dirección da compañía convocou a representación sindical a unha xuntanza, encontro que tivo lugar onte luns. Nel a empresa anuncia que retira o recurso e que no transcurso da vindeira semana procederá a readmitir o traballador, que pola súa parte renuncia a percibir os salarios de tramitación do despido. 

 En consecuencia o comité decidiu deixar sen efecto as mobilizacións e as medidas de presión previstas, ao tempo que agradece o apoio e a solidariedade amosada polo cadro de persoal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario