20 de feb. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés lanza a súa campaña promocional para a Copa de la Reina 2025: #ÉPosible 

O equipo emprenderá distintas accións para financiar a viaxe a Granollers entre o 14 e 16 de marzo 

Artigos oficiais e novos produtos xa á venda 

O club organiza outras accións para apoiar economicamente a participación das súas cadetes na Minicopa, coma a realización de bingos e sorteos ou a recepción de doazóns 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés comeza os preparativos para esta Copa de la Reina 2025. O club anunciou unha serie de accións para financiar a viaxe dos seus equipos sénior e cadete a Granollers para disputar a fase final da competición copeira entre os vindeiros 14 e 16 de marzo. Baixo o lema “#ÉPosible”, o Mecalia Atlético Guardés chama á colaboración de pais e nais de xogadoras, guardeses e afeccionados nun ano que pode ser histórico para o palmarés do equipo. 

 Así, este luns o club anunciaba que, coma cada ano, xa se atopan á venda os artigos oficiais de comercialización para a Copa de la Reina. Os afeccionados poderán escoller entre camiseta, suadoiro, chancletas e bufanda exclusivos desta campaña e deseñados pola empresa colaboradora Deportes González, que oscilan entre os 8 e os 15 euros de prezo, segundo o produto. Ademais, o Mecalia Atlético Guardés lanzou novos produtos oficiais do equipo á venda para contribuír a financiar a singradura a Granollers: un coxín coa primeira equipación de xogo, un imán co escudo do equipo e unha camiseta do equipo estilo retro. A táboa de prezos é a seguinte: 

Bufanda Copa de la Reina

8

Camiseta Copa de la Reina

10

Suadoiro Copa de la Reina

15

Chancletas Copa de la Reina

15

Coxín primeira equipación

15

Imán escudo

3

Camiseta estilo retro

35 (oferta de lanzamento)

 A campaña de comunicación para esta Copa de la Reina completarase co tradicional vídeo promocional do equipo, que sairá publicado nas seguintes semanas. O lema escollido polo Mecalia Atlético Guardés para a súa participación no torneo copeiro este ano é “#ÉPosible”, destacando o bo momento deportivo que vive o equipo, inmerso na tempada cos mellores resultados de toda a súa historia polo momento. 

 A Copa de la Reina é a conta pendente do Mecalia Atlético Guardés, que estivo presente en once das últimas doce fases finais e este ano acudirá a Granollers con ganas de continuar facendo historia. Onte, luns 17 de febreiro, o sorteo celebrado na cidade catalá revelaba o seu primeiro rival, para o partido de cuartos de final da competición: o Replasa Beti-Onak, clasificado por primeira vez para esta derradeira parte do campionato.   

Accións específicas para financiar a participación das cadetes na Minicopa 

 O Club Balonmán Atlético Guardés anunciou, ademais, un conxunto de accións destinadas á financiación da viaxe a Granollers do seu equipo cadete. As da base do Mecalia participarán na Minicopa, unha competición paralela que se celebrará os mesmos días na cidade catalá, entre os equipos de categoría cadete dos clasificados á fase final da Copa de la Reina. 

 Para apoiar economicamente a súa singradura, o Guardés chamou aos familiares das súas xogadoras e afeccionados a participar en distintas accións destinadas directamente a isto. En primeiro lugar, as propias xogadoras sortearán un total de 16 camisetas oficiais asinadas polos planteis cadete e sénior. Hai 100 números dispoñibles e cada participación custa 2 euros. 




 Ademais, o pavillón da Sangriña acollerá cada semana un bingo social completamente público, no que os participantes terán a oportunidade de obter premios a cargo de comercios locais colaboradores. Só poden participar maiores de 18 anos, se ben haberá un lugar de xogos para nenos tamén dispoñible durante a duración do bingo. As datas de celebración son as seguintes: 

- Domingo 16 de febreiro ás 16:30 horas 

- Sábado 22 de febreiro ás 21:30 horas 

- Sábado 1 de marzo ás 21:30 horas 

- Sábado 8 de marzo ás 21:30 horas 

 Por último, o Club habilitou a recepción de doazóns particulares á súa conta bancaria: ES60 2080 5427 7130 4010 5936 (ABANCA), baixo o concepto de transferencia: Donativo Minicopa de SM La Reina 2025. 

 Así mesmo, a participación das xogadoras cadete nesta competición non sería posible sen a colaboración económica de comercios locais da Guarda e os seus arredores, aos que o Club quere agradecer especialmente polo seu apoio: Your English Corner, Restaurante Casa Telleiro, Informática Isavi, Suministros Rocha, ORPAGU, Academia Fonseca, Restaurante Area Grande e Grupo Lima Construcciones.

Ningún comentario:

Publicar un comentario