7 de feb. de 2025

DEPORTES

Ana Cristina Teixeira Seabra seguirá ao mando do Mecalia Atlético Guardés un ano máis 

• A adestradora rexeitou outras ofertas e decidiu quedar no club a vindeira tempada 2025/2026 

• Seabra incorporouse ao equipo como segunda adestradora en 2022 e colleu as rendas do corpo técnico definitivamente a finais da pasada tempada, substituíndo a Cristina Cabeza 

• Ana Cristina Teixeira Seabra: “Non podo estar máis contenta co traballo do corpo técnico e das xogadoras e co esforzo da directiva” 


Ana Cristina Teixeira Seabra
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / A Guarda 

 O plantel do Mecalia Atlético Guardés seguirá baixo a dirección de Ana Cristina Teixeira Seabra un ano máis. A técnica portuguesa decidiu renovar o seu acordo co club e, rexeitando varias ofertas doutros equipos, en 2025/2026 continuará adestrando ao plantel da Sangriña, na que polo momento só se coñece que estará Cristina Cifuentes. Seabra pasará así un cuarto ano no Mecalia Atlético Guardés, xa que se incorporou ao corpo técnico en 2022, e algo máis de dous anos como adestradora principal, dende que tomou o relevo a Cristina Cabeza a finais da pasada tempada. 

 A actual adestradora do Mecalia Atlético Guardés é unha das artífices da que está a ser, polo momento, a mellor tempada da historia do equipo, superando incluso os resultados do curso 2016/2017, que culminou co primeiro título de Liga a nome do Mecalia Atlético Guardés. Seabra, lenda do balonmán portugués, está a amosar con creces o seu profundo coñecemento e experiencia do deporte dende que colleu as rendas como primeira adestradora nos cuartos de final da Copa da Raíña a pasada tempada. Baixo a súa dirección, o equipo da Sangriña conta coas mellores previsións para acadar un título este ano: logrou coroarse campión de inverno na Liga Guerreras Iberdrola, que lidera agora mesmo con catro puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, e conseguiu coa mesma solvencia pasar á fase final da Copa da Raíña a pasada semana. 

 Por todo isto, o club considera á técnica unha das responsables máis directas do extraordinario momento que está a vivir o seu plantel, e quixo recompensar o seu traballo ofrecéndolle a oportunidade de seguir ao mando do equipo cando menos ata 2026. Do mesmo xeito, a preparadora lusa rexeitou varias ofertas doutros equipos para continuar liderando o proxecto do Mecalia Atlético Guardés, confiando nas súas xogadoras e na posibilidade de levar o nome da Guarda ao máis alto do balonmán español no futuro próximo. Polo de agora, a única confirmada para seguir baixo a súa dirección a vindeira tempada é a pivote Cristina Cifuentes, que anunciaba esta semana que renovara o seu contrato co club para unha cuarta tempada na Guarda. 

Ana Seabra: “Non podo estar máis contenta co traballo do corpo técnico e das xogadoras e co esforzo da directiva” 

 A adestradora do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, declarou sentirse “contenta de que o club siga confiando en min” ante a renovación do seu contrato. “Para calquera adestrador é moi importante recibir esa confianza e que se valore o noso traballo”, explicou a preparadora portuguesa. Seabra recibiu varias ofertas doutros equipos das máis altas categorías do balonmán feminino, pero apostou por continuar na Guarda un ano máis, xa que se sinte a gusto e prevé un futuro brillante para as súas: “Imos ter moitas alegrías, e ás veces tamén decepcións, pero síntome ben e na casa, e esas son tamén as razóns polas que quería quedar, dadas as outras ofertas que me chegaron”. 

 Así mesmo, a directora deportiva do equipo da Sangriña fixo un balance moi positivo do que vai de curso. “Non podo estar máis contenta co traballo de toda esta tempada do corpo técnico e das xogadoras”, indicou Seabra, lembrándose tamén do extraordinario “esforzo da directiva nas condicións que nos proporcionaron”. Igualmente, espera un final de tempada “de moito traballo por parte de todos”. 

 Para o futuro próximo, a técnica non quixo facer máis previsións que confiar no seu propio traballo, como tivo por consigna ata agora. “Sabemos que aínda quedan moitos partidos, pero creo que podemos seguir facendo un bo resto de tempada”, comezaba Seabra, se ben destacando que “todos somos conscientes de que a sorte non existe”. A chave, insiste, será a concentración: “Queremos seguir centrados, enfocados nos nosos obxectivos e respectando a tódolos equipos, como fixemos ata agora”. 

 Polo demais, a que xa será adestradora do Mecalia Atlético Guardés ata 2026 ten claros os seus obxectivos á fronte do equipo: “Sempre medrando, soñando e aproveitando ao máximo cada oportunidade”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario