20 de feb. de 2025

CULTURA

A vela de bote polbeiro que interveu Alberto Baraya para a exposición ‘Vento’ do Museo de Pontevedra viaxa a ARCO 

“Vento” permanecerá aberta ata o 2 de marzo co vídeo do proceso de creación e as pinturas, gravados e maquetas de tema mariño da colección do Museo


O artista colombiano Alberto Baraya nun momento da súa intervención artística nunha vela de bote polbeiro
Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A vela de bote polbeiro que interveu o artista colombiano Alberto Baraya como parte central do seu proxecto ‘Vento’, viaxa estes días para ser exhibida en ARCO Madrid do 5 ao 9 de marzo. A peza  forma parte da segunda mostra de ‘Infiltracións’, un ciclo que convida a artistas contemporáneos a dialogar cos fondos do Museo de Pontevedra. Baraya realizou o pasado verán unha acción artística na que pintou a vela mentres navegaba pola ría. Esa vela exhibiuse desde outubro no Edifico Castelao e foi xa retirada para a súa embalaxe e transporte. O resto dos elementos da mostra poderán verse ata o 2 de marzo.  

 En agosto de 2024, o artista subiuse en Bueu a unha embarcación tradicional, en concreto un bote polbeiro, e pintou na súa vela a paisaxe que o rodeaba, mentres a barca navegaba pola ría. Foi unha acción desenvolvida grazas á colaboración da asociación de amigos das embarcacións tradicionais Os Galos, de Bueu, e da Escola Naval de Marín. Baraya quixo poñer en valor períodos históricos nos que parece ser que se chegaron a utilizar velas de barco como soporte para elaborar pintura colonial en América. Así mesmo, recupera a tradición pictórica da paisaxe, resignifica a práctica da pintura plenairista e referencia determinadas experiencias pictóricas conceptuais.  

 A exposición seguirá aberta nas próximas dúas semanas, cos demais elementos que a conforman. Na sala pode verse a peza de vídeo que resume a acción e un conxunto de cadros, gravados, debuxos, maquetas de barcos e outros elementos, todos relacionados co mar e pertencentes ás coleccións do Museo de Pontevedra. Son, na súa maioría, obras que habitualmente non están expostas, polo que a mostra é tamén unha oportunidade para achegarse a unha parte pouco coñecida da riqueza artística que posúe o Museo.  

 Entre as obras expostas atópanse óleos de Jenaro Pérez Villaamil e do seu irmán Juan, de Carmen Babiano, Navarro Lloréns ou Martín Rico Ortega, entre outros, ademais dunha vista de Venecia pintada por William James no século XVIII. Tamén hai augadas de Rafael Alonso e outros, debuxos de Ramón Gil e Castelao e gravados dos séculos XVIII e XIX. Completan a exposición maquetas de dorna, bote polbeiro e gamela e outras pezas curiosas, como unha pementeira feita cunha pinza de boi.  

 Esta é a segunda mostra do proxecto ‘Infiltracións’, un ciclo de exposicións comisariado por Iñaki Martínez Antelo que arrancou o ano pasado coa mostra ‘Mónica Alonso. A pel do Museo’. Cada ano convídase a un par de artistas para que realicen unha proposta artística en diálogo coa colección permanente do Museo de Pontevedra. O obxectivo é fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e achegarse a distintos públicos. Este ano as artistas seleccionadas son Marta Pazos, cuxa exposición abrirá na primavera, e Ira Lombardía, que presentará o seu proxecto no outono.  

Alberto Baraya  

 Nacido en Bogotá en 1968, Alberto Baraya é licenciado en Artes pola Universidade Nacional de Colombia, cun mestrado en Estética e Teoría da Arte da Universidade Autónoma de Madrid. Iniciou a súa práctica artística en 1992, empregando a fotografía, o vídeo e a instalación. A obra de Baraya sempre cuestionou o paradigma científico e defendeu a arte como forma de coñecemento e ferramenta de reflexión sobre os actos estéticos da vida cotiá. Desde 2002 Baraya desenvolveu un dos seus traballos máis celebrados: o proxecto ‘Herbario de plantas artificiales’, un conxunto paródico de recoleccións e estudos de botánica falsa; plantas de plástico, arame e seda made in China, co que tentar reconstruír a identidade das relacións entre o ser humano e a natureza. As súas coleccións artificiais foron presentadas nas bienais de arte de São Paulo (2006), Venecia (2009), Berlín (2014) e Shanghai (2019).

Ningún comentario:

Publicar un comentario