Alianza estratéxica entre o Concello de Tui e o grupo turístico Tui para promoción da cidade
• O alcalde reuniuse co director executivo da compañía con sede en Alemaña e líder mundial do sector
Infogauda / Tui
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse en Madrid con Sebastian Ebel, director executivo do grupo TUI. O encontro marca o inicio dunha alianza entre ambas entidades para a promoción turística e patrimonial da cidade tudense que frutificará esta primavera coa presentación dun avión co nome de “Cidade de Tui”, por parte da compañía internacional.
No encontro que mantiveron, no marco de FITUR, o director executivo de TUI confirmou o compromiso da empresa, con sede en Alemaña e que opera en máis de 100 destinos, para divulgar a través da súa área de negocio todos os recursos patrimoniais e turísticos que ten o concello de Tui, entre outras iniciativas que abordarán próximamente na visita que van realizar a Tui.
Na TUI Executive Dinner - Cea Executiva - o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, tivo tamén a oportunidade de trasladar á secretaria de Estado de Turismo, Rosario Sánchez Grau, as liñas de traballo que se están a realizar tanto para a promoción turística da cidade, coma para a celebración do oitavo centenario da catedral, solicitando a súa colaboración.
Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, amosa a súa satisfacción por este pasos importantes dados no traballo para a promoción turística da cidade que se deron estes días en FITUR.
Ningún comentario:
Publicar un comentario