O Rosal descobre o mundo das aves de inverno cun roteiro ornitolóxico polo Tamuxe
• O Concello organiza unha saída de balde o domingo 2 de febreiro. Necesaria inscrición previa no teléfono 986 625 000
Infogauda / O Rosal
As primeiras luces do día iluminan o río Tamuxe e a súa contorna, mentres ducias de especies de aves ofrecen un espectáculo único. Para poder admiralo e coñecer un pouco máis sobre estes paxaros, o Concello organiza o roteiro ornitolóxico ‘As aves do inverno’, unha actividade de balde para conectar coa natureza e coñecer a diversidade de fauna alada que habita no Rosal nos meses máis fríos do ano.
A saída será o domingo 2 de febreiro de 10.00 a 13.00 horas cun percorrido polo sendeiro PR-G 112 dende o pantalán do río Tamuxe ata O Puntal, en San Miguel de Tabagón, dende onde se regresará ao punto de partida. Cunha dificultade baixa e unha distancia total de 6 quilómetros, esta actividade está pensada para todas as idades, xa que combina o goce da natureza cun ritmo tranquilo e accesible.
A concelleira de Medio Ambiente, Beatriz Rodríguez, destacou a importancia de por en marcha iniciativas como esta “para poñer en valor o noso patrimonio natural. Este roteiro é unha oportunidade marabillosa para descubrir a riqueza ornitolóxica que temos ao noso redor e para concienciar sobre a necesidade de protexer o medio ambiente”. Por este motivo, a edil convida a toda a veciñanza a participar e desfrutar dunha mañá diferente e enriquecedora.
A actividade é de balde, pero as prazas son limitadas polo que é necesario inscribirse previamente chamando ao teléfono 986 625 000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario