17 de xan. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Liga Guerreiras Iberdrola

O Mecalia Atlético Guardés recibe ao Replasa Beti-Onak no primeiro encontro do ano na Sangriña 

Este sábado, 18 de xaneiro, ás 19:00 horas no pavillón municipal A Sangriña 

As de Ana Cristina Teixeira Seabra buscarán defender unha semana máis o liderado ante o sétimo clasificado 

Volven á convocatoria tanto África Sempere, recuperada da súa enfermidade común, coma Cecilia Cacheda, que xa non sinte molestias tras unha contusión nun dedo da man esquerda




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés inaugurará o ano na Sangriña este sábado 18 de xaneiro ás 19:00 horas coa visita de Replasa Beti-Onak. As de Ana Seabra tratarán de defender o liderado cunha nova vitoria no décimo terceiro encontro da Liga Guerreras Iberdrola 2024/2025, último da primeira volta do calendario. Para iso contarán de novo con todo o seu plantel (a excepción de Elena Martínez), xa que tanto África Sempere coma Cecilia Cacheda se reincorporan á convocatoria tras terse resolto as súas respectivas molestias. 

 O Mecalia Atlético Guardés chega ao encontro despois dun novo xute de enerxía, froito da traballada vitoria o domingo pasado na casa do Elda Prestigio. Aínda coas ausencias de África Sempere e Cecilia Cacheda ás súas costas, o Mecalia Atlético Guardés soubo dominar o partido en todo momento e colleitou un forte colchón de goles ao comezo da segunda parte que foi vital para gañar finalmente o encontro (18-26). As de Ana Cristina Teixeira Seabra veñen amosando semana tras semana que xa non se trata das bondades do calendario, das casualidades nin da calidade de dúas ou tres xogadoras estrela, senón que a clave está a ser posuír un conxunto equilibrado e potente que acode a cada xornada con confianza no traballo dos días previos. E isto é precisamente o que tratarán de probar ante Beti-Onak, contando ademais coa forza ao seu favor dunha Sangriña con ganas de comezar o 2025 na casa por todo o alto. 

 O plantel da Guarda ten outro elemento máis ao seu favor esta vez, xa que por primeira vez en semanas verase algo menos limitado polas ausencias entre as súas filas. Co peso da lesión de Elena Martínez aínda sobre os seus ombreiros, que cada vez semella máis imposible de cubrir cunha nova fichaxe, o Mecalia Atlético Guardés conseguiu sobrepoñerse semana tras semana a outras baixas adicionais, logrando vitorias coma a do pasado domingo con tan só 12 xogadoras na convocatoria. 

 Para o partido contra o Beti-Onak, en cambio, o equipo terá un pouco máis de flexibilidade neste senso, xa que ese número érguese ata as 14. Volve á carga África Sempere, xa recuperada dunha enfermidade común que a apartara as dúas últimas xornadas da competición; e tamén Cecilia Cacheda, que solucionou as súas molestias nun dedo da man esquerda tras unha forte contusión no derbi ante o Porriño. Polo demais, non se reforzará a convocatoria con ningunha xogadora xuvenil. 

 Pola súa parte, o Replasa Beti-Onak chegará á Sangriña como sétimo clasificado, de xeito provisional tras adiantar para esta semana o partido contra Bera Bera da xornada 14, que resultou en vitoria das vascas. Obviando esta última derrota, as de Navarra mantéñense na metade da táboa con seis vitorias, un empate e outros catro encontros perdidos ás súas costas; un inicio de tempada equilibrado e na liña dos últimos resultados do equipo, que rematou a pasada Liga tamén no sétimo lugar. 

 As de Miguel Etxebarria acumulan este ano unha serie de tres partidos seguidos sen lograr vencer a domicilio, se ben no Mecalia Atlético Guardés teñen claro que se trata dun duro rival co que o marcador sempre está moi axustado, e que o dará todo para conquistar A Sangriña e tratar de quitar a espiña dos seus derradeiros encontros no pavillón. As dúas últimas veces que ambos equipos se enfrontaron foron precisamente no Inferno e ambas resolvéronse con vitorias locais: o partido de duodécima xornada en decembro de 2023 primeiro (22-20) e a eliminatoria polos postos 5º-8º do pasado mes de maio despois (31-27). As de Navarra buscarán un resultado máis semellante ao da primeira xornada daquela Liga, un 18-13 que celebraron coma anfitrioas.   

Ana Cristina Teixeira Seabra: “Vai ser outro partido difícil, pero queremos traballar duro por outros dous puntos importantes” 

 A técnica do Mecalia Atlético Guardés, Ana Cristina Teixeira Seabra, valorou moi positivamente ao seu rival. “Imos xogar contra un equipo que traballa moi ben e que aproveita ao máximo os recursos que ten”, explica, repasando as diferentes calidades do Beti-Onak, quen considera que “ten un xogo de ataque moi diversificado que provoca moitas dúbidas nos seus rivais”. A adestradora destacou que o tiro exterior das navarras e a relación cos seus pivotes son dous elementos chave nos seus partidos, e “que causaron moitas dificultades aos outros equipos”. 

 Seabra insiste no que foi ata agora o seu ‘mantra’: a concentración. Para a técnica, o de Miguel Etxebarria é un equipo “que loita de comezo a fin, e por iso unha vez máis temos que estar concentradas e centradas no que queremos durante todo o partido”. En canto a erros pasados que buscou traballar coas súas durante esta semana, indica que o seu plantel terá que “ter máis confianza no noso xogo de ataque para mellorar a nosa eficacia”. 

 “Vai ser outro partido difícil”, conclúe Ana Cristina Teixeira Seabra, non sen lembrar a determinación que levou ao seu equipo a onde está nestes momentos: “Pero queremos traballar duro para conseguir outros dous puntos importantes no noso camiño”.   

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola

Xornada 13 

Mecalia Atlético Guardés – Replasa Beti-Onak 

Sábado, 18 de xaneiro, ás 19:00 horas 

Pavillón da Sangriña 

Será retransmitido pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario