O PSOE do Porriño ofrece axuda aos veciños cos requirimentos de limpeza de leiras
• O envío de 5.000 requirimentos de forma masiva por parte do Concello do Porriño está a supoñer unha gran dificultade de tramitación
Infogauda / O Porriño
O PSdeG-PSOE do Porriño, ofrécese a axudar as persoas veciñas que necesiten cubrir e presentar os modelos de prórroga, alegacións sobre a titularidade e o inicio ou fin de tarefas de limpeza tras os requirimentos enviados polo Concello aos propietarios de parcelas. Segundo David Alonso Bargiela, portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE, "actualmente hai decenas de veciños acudindo ao servizo de atención ao rural, con colas que poden durar máis dunha hora para recibir un simple papel".
David Alonso explicou que os veciños deben acudir acompañados da carta enviada aos seus domicilios e asegurou: "Desde o PSOE podemos cubrir e presentar os modelos de prórroga, titularidade e inicio e fin de poda. Tamén asesoraremos en casos especiais, como discrepancias entre o propietario e o titular catastral, a identificación das parcelas afectadas e o alcance das tarefas de limpeza".
Alonso lembrou que xa solicitara no último pleno que o Concello puxese ao dispor dos propietarios un modelo de solicitude de prórroga, o cal segue sen estar dispoñible na web municipal.
O portavoz socialista cualificou de "temerario" ao alcalde Alejandro Lorenzo por animar aos veciños a "non facer nada ata o mes de Maio", cando as notificacións esixen a limpeza nun prazo de quince días. "Se ese requirimento non se cumpre e ocorre un incendio, os titulares serían responsables e poderían enfrontarse a sancións económicas de entre 1.000 e 1.000.000 euros, dependendo da gravidade do caso", advertiu Alonso.
No pleno, o Grupo Socialista xa expresara a súa preocupación polo "descoñecemento" do goberno municipal e criticou a falta de previsión ao enviar 5.000 requirimentos de forma masiva, dificultando a súa tramitación. "Isto non custa nada. Só era necesario poñer ao dispor dos veciños un formulario que lles cubra as costas fronte a posibles sancións. Pero o goberno local, en lugar de facilitar, complicou a vida dos veciños", concluíu Alonso
Ningún comentario:
Publicar un comentario