A Xunta de Galicia considera unha “excelente noticia” que Stellantis adxudique á planta de Vigo a nova plataforma para coches eléctricos
“Recibimos en Galicia unha boa noticia para a industria da automoción”, di a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, quen lembrou que se trata da planta de vehículos máis produtiva de España
Confía en que Stellantis siga contando coa industria de provedores locais
Infogauda / Vigo
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou hoxe unha “excelente noticia” o anuncio de Stellantis, que vai adxudicar á planta de Vigo a plataforma STLA Small para a fabricación de coches eléctricos.
“Recibimos en Galicia unha boa noticia para a industria da automoción”, dixo Lorenzana, quen lembrou que se trata da planta de vehículos máis produtiva de España e fixo referencia ao peso que ten na industria galega e no sector en concreto, con máis de 6.000 empregos e toda unha cadea de valor da que dependen 25.000 persoas.
“É unha moi boa noticia”, reiterou, para manifestar o seu desexo de que Stellantis “continúe cumprindo os seus compromisos con Galicia, que continúe investindo no talento e a capacidade industrial que ten a nosa Comunidade autónoma e, por suposto, unha chamada ao grupo para que conte para esta nova liña de coches eléctricos cos provedores galegos”, dixo.
Ao respecto, apuntou que suman unhas 200 empresas arredor da empresa matriz que, “por capacidade, por coñecemento e por innovación industrial están tamén entre os primeiros a nivel internacional”. “Que compre en local e que continúe apostando por esa cadea de produción”, remarcou.
A conselleira indicou, ademais, que esta noticia chega “nun momento crucial”, a punto de aprobar o plan director da automoción, que está agora mesmo suxeito ao último dos informes do Consello Económico e Social de Galicia, e nun momento en que a Xunta vén de comprometer 75 M€ en axudas ao sector en tres anos e acaba de lanzar o segundo paquete de apoios de 2025 para toda a cadea de valor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario