22 de xan. de 2025

ECONOMÍA

A CIG mobilízase nas sete cidades contra o novo recorte na xubilación parcial 

 Denuncia o retroceso de dereitos que supón para a clase traballadora, asinado nun proceso de negociación “escurantista e ilegal”  


Delegadas e delegados da CIG concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno, na Coruña; das subdelegacións do Goberno en Lugo, Ourense e Pontevedra, e nas oficinas do INSS, en Compostela, Ferrol e Vigo
Foto: CIG

Infogauda / A Coruña

 Delegadas e delegados da CIG concentráronse esta mañá diante da Delegación do Goberno, na Coruña; das subdelegacións do Goberno en Lugo, Ourense e Pontevedra, e nas oficinas do INSS, en Compostela, Ferrol e Vigo, para denunciar o novo recorte na xubilación parcial, que suporá outro retroceso de dereitos máis para a clase traballadora. A mobilización coincidiu coa convalidación, no Congreso das e dos Deputados do Decreto de xubilación parcial. 

 O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, cualificou de “escurantista e ilegal” o proceso de negociación desenvolvido no “chamado diálogo social, fóra dos organismos oficiais de representación tripartita, sen respectar os dereitos de representación das centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG”. Negociación que levou á sinatura, o pasado 19 de decembro, do Goberno español, xunto coa Patronal, CCOO e UGT, do novo acordo de Pensións.  

 Un acordo que a central sindical reclamou hoxe que sexa rexeitado polo Congreso, mentres non conteña medidas como a recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos, para todas as persoas traballadoras e sectores; a xubilación aos 65 anos e voluntaria a partir dos 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores, en determinadas profesións; e o recoñecemento por lei e a mellora dos procedementos para acceder aos coeficientes redutores, para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos. 

Máis recortes nas pensións públicas 

 A CIG denuncia que este acordo súmase aos recortes nas pensións públicas e ao fomento da súa privatización a través dos plans de pensión de emprego. “Non lle abonda con aumentar a idade da xubilación aos 67 anos e mais os anos para o cálculo da pensión aos 29 anos”, dixo Carril.  

 “Vivimos nas reformas permanentes que penalizan a xubilación anticipada, fomentan tramposamente o retraso da xubilación e fan máis graves as discriminacións para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse, pero só transitoriamente, aos 61 anos”, engadiu. 

 Unha parte deste acordo, que foi aprobada polo Goberno no Decreto 11/2024 e estaba pendente de validación no Congreso das e dos Deputados, contén importantes recortes que acaban coa xubilación parcial. 

 Neste sentido, Carril explicou que “tendo en conta que a xubilación coa reforma do 2011 se sitúa nos 67 anos, temos que denunciar que non se restablece o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras, que se foi recortando na reforma das pensións do 2011, 2013 e 2019”.  

 Xunto a isto chamou a atención sobre o feito de que, “nin sequera se mantén para os colectivos de persoas traballadoras da industria manufactureira, que xa non poderán xubilarse aos 61 anos desde o 31 de decembro de 2029”. 

Dependendo da vontade da empresa 

 E non se garante o dereito da persoa traballadora á xubilación parcial porque segue estando na vontade da empresa acoller a solicitude. Neste sentido, o secretario xeral da CIG apuntou que “a aparente mellora das condicións a cumprir sobre porcentaxes de bases de cotización, porcentaxe de contratación indefinida na empresa e demais, son en realidade medidas de endurecemento e desincentivo para acollerse a ela”. 

 Explicou que o adianto para acceder á xubilación parcial a 3 anos, antes 2 anos, “non é avance real ningún” porque seguen a se exixir 33 anos de cotización mínima, sen computar pagas extras nin coeficientes redutores. Ademais, durante o primeiro ano, a xornada só poderá reducirse entre un 20 % e un 33%, para quen anticipe máis de dous anos o acceso á xubilación.  

 Xunto a isto subliñou que o calendario para acceder á xubilación parcial xa estaba para o 2027 nos 63 ou 65 segundo a vida laboral permitise xubilarse aos 65 ou 67 anos respectivamente. Por iso asegurou que “non podemos calar que impoñan pola porta de atrás unha nova reforma que ten recortes de dereitos e segue sen dar solución ás reivindicacións que, desde hai anos, vimos reclamando en moitos destes sectores de actividade e postos de traballo nos que estamos condenados a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico e psíquico”. 

Carril ten claro que “non se pode seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder desfrutala”. Como tampouco “non se pode seguir negando a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronificando a emigración e o paro xuvenil entre os e as menores de 25 anos, sendo o Estado español o que ten maior porcentaxe de desemprego xuvenil de Europa”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario