27 de dec. de 2024

TURISMO

XUNTA DE GALICIA E A AGRUPACIÓN EUROPEA DE COOPERACIÓN TERRITORIAL GALICIA-NORTE DE PORTUGAL (AECT) DESENVOLVERÁN ACCIÓNS TURÍSTICAS DE PROMOCIÓN DO XACOBEO 2027 

 Turismo de Galicia e a entidade transfronteiriza asinarán un convenio que permitirá fortalecer as relacións entre a Xunta de Galicia e as entidades políticas, económicas e culturais portuguesas 


Catedral de Santiago
Foto: Turismo de Galicia

Infogauda / Santiago de Compostela

 O Consello da Xunta de Galicia autorizou este venres a sinatura dun acordo de colaboración entre Turismo de Galicia e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) para a promoción, dinamización, difusión e coordinación da Estratexia de Turismo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O acordo permitirá reforzar as relacións entre as institucións galegas, especialmente a Xunta de Galicia, e as institucións políticas, económicas e culturais portuguesas. 

 Ademais, intensificarase a colaboración e aproximación coas distintas asociacións públicas e privadas, en especial as asociacións portuguesas do Camiño de Santiago, así como cos concellos e entidades rexionais de Galicia e de Portugal e realizaranse accións de dinamización de accións conxuntas, turístico-culturais pero tamén nos demais ámbitos entre Galicia e Portugal. Ao tempo, fomentarase a cooperación e integración entre os actores do sector turístico interrexional. 

 O convenio, que terá unha vixencia de dous anos, recolle o interese de Turismo de Galicia por desenvolver unha intensa divulgación entre a poboación dos anos santos xacobeos. Estes constitúen para a comunidade galega unha oportunidade de potenciación de Galicia, así como de promoción e de reforzo da dimensión internacional do Camiño de Santiago e da propia autonomía. 

 O Camiño Portugués xa é a ruta xacobea que máis medra -a razón dun 8 % anual e dun 42 % na súa variante pola Costa- e cada vez con maior peso internacional, cun 65 % dos peregrinos procedentes doutros países. Esta ruta interior, xunto coa súa variante pola Costa, son o segundo e o terceiro itinerario xacobeo máis transitado -con máis de 169.000 Compostelas recollidas no que vai de ano en ambas as rutas. 

 No ámbito turístico en xeral, Galicia está a rexistrar un constante crecemento do mercado internacional. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) destacan o incremento do 22 % no pasado mes de novembro en viaxeiros estranxeiros, sendo precisamente Portugal o país de procedencia que acadou a maior suba cun 45,6 % sobre os datos do mesmo mes en 2023. 

 A Axencia de Turismo de Galicia comprométese a colaborar no financiamento deste acordo achegando un total de 195.000 euros que se distribuirán nas anualidades 2025 e 2026. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario