21 de dec. de 2024

TUI

A maxia deste Nadal en Tui transforma rúas e prazas con fermosas decoracións 




Infogauda / Tui

 A maxia deste Nadal transforma as rúas e prazas de Tui, coa beleza dunha decoración única, feita principalmente con materiais reciclados que cobran unha nova vida nestas festas.  

 Na praza de San Fernando, aos pes da catedral, un pequeno bosque máxico agocha unha casiña de chocolate, decorada con lambetadas que fan as delicias de grandes e pequenos. As luces, coma estrelas dun firmamento, completan este conto de nadal.  

 Na rúa Ourense, un poboado de madeira orixinal e máxico agarda para sorprender. As ramas de podas transformáronse nun valado que remarca un fantástico poboado do que forman parte casas feitas con troncos de árbores, un tren, un moucho observador e pequenos renos.  

 Na fachada do edificio Francisco Sánchez destaca unha árbore branca de madeira, onde as parroquias tudenses están representadas tanto na súa base coma nos adornos que penduran das ramas. Dous candís e un tronco convertido nunha recreación de casiñas completan este espazo.  

 Ao longo do percorrido pola cidade, atopamos sorpresas como un poboado nevado na rúa Órdoñez, e unha casiña cun salón cálido cunha cheminea.   

 Tres anxos érguense no palco da música da Corredoira, e na praza da Inmaculada sitúase un ano máis un belén cheo de luz, e o trineo de Papá Noel e os renos, cun desexo de boas festas dende o balcón do edificio que alberga o Taller Máxico de Papá Noel. Completan esta fermosa estampa as letras iluminadas de “Tui.2025”.  A iluminación enche de cor a cidade do mesmo xeito que o fan os vinte postos do Mercado de Nadal no Paseo da Corredoira.  

 A maxia brilla neste Nadal en Tui.

Ningún comentario:

Publicar un comentario