A Eurocidade celebra o éxito da inclusión e da convivencia transfronteiriza nos ‘Olympics4All’
• O salón de plenos do Concello de Tomiño acolleu o acto de peche dunha nova tempada desta actividade que busca fomentar o deporte entre as e os maiores e tecer lazos a ambas beiras do Miño
Infogauda / Tomiño
Un proxecto que gaña medallas, pero sobre todo grandes momentos de amizade e convivencia. O salón de plenos do Concello de Tomiño acolleu o acto de peche de tempada da iniciativa ‘Olympics4All’, unha actividade da Eurocidade Cerveira-Tomiño que busca promover a práctica deportiva entre as persoas maiores de 60 anos, reforzando o intercambio social e cultural entre municipios de ambas as dúas beiras do Miño.
Unha competición na que o equipo da Eurocidade álzase coa vitoria ano tras ano. Gañador das olimpíadas senior nos últimos cinco anos de forma consecutiva, as e os 42 integrantes do equipo presumen de títulos froito da gran dedicación e do compromiso do grupo. Composto ao 50% por homes e mulleres de Cerveira e Tomiño, a maior parte das e dos integrantes participan nesta actividade dende o principio, “ilusionadas e ilusionados como o primeiro día, cheos de vida e sen faltar nunca” a ningún dos dous adestramentos semanais que se levan a cabo en Cerveira centrados en actividades que van dende o atletismo ou o voleibol ata o baloncesto, natación, fútbol ou xogos tradicionais, como petanca ou corda.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo felicitar a todas e todos os participantes nesta iniciativa, destacando que o proxecto segue a ser un referente de éxito. “Estades a demostrar que o deporte non ten fronteiras, que a saúde e a amizade poden cultivarse sen importar a idade e que xuntas e xuntos podemos avanzar cara a un futuro máis activo e saudable”, resaltou.
Un éxito no que tamén fixo fincapé o concelleiro de Deportes de Tomiño, Rubén García, que destacou o valor dunha iniciativa que promove a convivencia entre os veciños e veciñas da Eurocidade, pero tamén as boas prácticas para unha vida saudable. “Para nós é un orgullo que un proxecto como ‘Olympics4All’ funcione tan ben e sexa un exemplo de cooperación transfronteiriza pero tamén de benestar físico, emocional e social”, destacou.
No acto tamén estivo presente o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira que subliñou “o traballo excelente realizado por todo este grupo e esta iniciativa que, ademais de promover a actividade física entre as persoas maiores, axuda a socializar e competir, sentíndose parte dun mesmo equipo”.
Precisamente nesa competitividade radica o segredo da continuidade das e dos participantes nos proxectos, como comentou Manuela Ferreira, técnica de Cerveira e unha das creadoras desta actividade deportiva para maiores de 60 anos. “Non é un simple exercicio físico, senón que a competición anima moito a todas e todos, fortalece a súa motivación e contribúe a crear grandes lazos de compañeirismo entre elas e eles”, lembrou.
Neste mesmo sentido se pronunciaron Xoán Amós, técnico da Eurocidade polo Concello de Tomiño, e Nuno Silva, adestrador do grupo, que aseguraron a implicación e o entusiasmo destas e destes deportivas veteranos non amosan sinais de esgotamento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario