Os ‘Cafés en Igualdade’ despiden o ano aprendendo a poñer límites
• A psicóloga Fátima Rodríguez tratará co público como ‘Saber dicir non’ nunha charla este xoves 19 no bar Fénix, en Sandián
Infogauda / O Rosal
Despedir o ano cun propósito firme: aprender a poñer límites. O Concello do Rosal pon fin aos ‘Cafés en Igualdade’ este ano 2024 cunha charla centrada no reto de ‘Saber dicir non’ e afrontalo como unha forma de coidarse un e unha mesma e de coidar as diferentes relacións.
A psicóloga Fátima Rodríguez Marcos, de Talentea, este xoves 19 de decembro guiará ao público asistente neste acto de autoestima e coidado propio, abordando ferramentas prácticas para identificar situacións nas que é necesario marcar os límites e como facelo sen culpa. Será nunha charla de balde e aberta a todos os públicos a partir das 17.30 horas no bar Fénix, en Sandián.
O ciclo de ‘Cafés en Igualdade’ xa está consolidado como un espazo de reflexión e aprendizaxe. Como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, “este tipo de encontros permítennos compartir experiencias nun ambiente seguro no que as persoas se sintan escoitadas e valoradas. É un espazo de crecemento persoal e colectivo co que seguir revolucionando mentes ao tempo que se reforza o compromiso do Concello coa igualdade e o benestar da veciñanza”.
O proxecto conta co financiamento do Ministerio de Igualdade a través de fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero 2023-2024.
Ningún comentario:
Publicar un comentario